Precariedade laboral das coidadoras, trata de mulleres e educación contra a violencia machista, tres retos para o 8M en Pontevedra

Pontevedra
07 de marzo 2022

A xornalista pontevedresa María Varela é a autora do manifesto reivindicativo do Día Internacional da Muller. Desde o balcón da Casa do Concello de Pontevedra colga xa unha lona co lema "Terra de Mulleres"

Despregamento da lona do Día Internacional da Muller no Concello de Pontevedra Mónica Patxot

"Terra de mulleres" é o título do manifesto e o lema co que Pontevedra conmemorará este martes 8 de marzo o Día Internacional da Muller.

A xornalista María Varela é a autora dun discurso que pronunciou este luns por primeira vez e no que fai fincapé algúns dos principais retos que o feminismo ten por diante: acabar coa prostitución e a trata de mulleres, resolver a precariedade laboral no ámbito dos coidados que destapou a pandemia da covid-19 e apostar pola educación como vía principal para acabar coa violencia machista.

Acompañada pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, a xefa de redacción do Diario de Pontevedra explicou que co seu discurso "quería representar a todas as mulleres, pero tamén a min mesma". Lembrou Varela que as mulleres representan máis da metade da poboación mundial, pero a súa representación na sociedade é aínda limitada. E aválao con datos sobre a reducida taxa de mulleres reitoras nas universidades españolas, alcaldesas ou na dirección das empresas do Ibex.

Non puido conter a emoción ao referirse ao drama humanitario que se está vivindo en Ucraína e citou a Fina Casalderrey para honrar a memoria de todas as mulleres feministas, "esas mulleres que foron quitando as silveiras do camiño para as demais".

Tras a lectura do manifesto, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e os concelleiros Anabel Gulías, Demetrio Gómez, Iván Pontes e Tino Fernández acompañaron a María Varela ata o balcón da casa do concello para despregar unha lona co lema: "Terra de Mulleres, tempo de mulleres".

"Mulleres fortes, mulleres creativas, queremos facer fincapé na verba mulleres, que significa que as mulleres seguimos a levar os coidados dos menores, somos as principas perxudicadas en tempos de guerra e seguimos sen romper os teitos de cristal", declarou a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, tras o acto.

O rexedor pontevedrés sumouse tamén ás reivindicacións. "O Concello de Pontevedra está na loita, que está sen rematar. Hai moitísimo que facer e ningunha sociedade pode permitirse o luxo de que o 52 % da sociedade non estea representada e non aporte a súa potencia en todos os eidos da vida social. Desde o Concello o facemos con políticas de discriminación positiva porque hai que favorecer chegar a esa situación na que a muller teña os mesmos dereitos, os mesmos salarios e a mesma responsabilidade social", afirmou Lores