Premio para o equipo de Enfermaría da Área Sanitaria por un proxecto sobre o uso da intelixencia artificial en feridas crónicas

Pontevedra
27 de xaneiro 2025

Novo galardón nos XI Premios Bioga do Clúster Biotecnolóxico Galego. O investigador principal é o enfermeiro José Manuel Rosendo, supervisor e responsable da Unidade de Feridas da Área Sanitaria

José Rosendo co Premio Bioga Xunta de Galicia

O proxecto ACE (Advanced Cutaneous Evaluator), que desenvolve un equipo de Enfermaría da área de Pontevedra e O Salnés vén de acadar un novo recoñecemento.

Nesta ocasión, esta iniciativa recibiu o premio Biodea Empresarial 2025 no marco dos XI Premios Bioga do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia, por ofrecer unha "proposta disruptiva integrando tecnoloxía e saúde para mellorar o diagnóstico e tratamento de enfermidades".

Tamén foi valorada a "proxección de futuro" deste proxecto e a "calidade do equipo promotor e asesor", segundo indicaron dende Bioga.

ACE é unha ferramenta baseada en Deep Learning (Aprendizaxe profunda), un dos campos da Intelixencia Artificial para axudar a tomar decisións no tratamento das feridas crónicas ou de difícil cicatrización nunha reducida marxe de tempo, mediante unha aplicación informática que se pode utilizar aproveitando as novas tecnoloxías de que dispoñen os cidadáns e que son de uso cotián.

O EQUIPO DE PONTEVEDRA-O SALNÉS

O investigador principal é o enfermeiro José Manuel Rosendo Fernández, supervisor de Procesos e Coidados de Enfermería e responsable da Unidade de Feridas da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, quen estivo presente na gala de entrega dos XI Premios Bioga.

Xunto a el participan na investigación os profesionais pontevedreses da Enfermaría Ana García Fernández, subdirectora de Enfermaría da Área Sanitaria; José Antonio Esperón Güimil, enfermeiro do centro de saúde de Anafáns en Poio; e Teresa Loureiro Rodríguez, supervisora da Unidade de Curta Estancia do Hospital Montecelo. Ademais contan co soporte do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e o centro tecnolóxico vigués Gradiant.

José Rosendo destaca que "os premios en biotecnoloxía e ciencias da saúde non só recoñecen os logros individuais, senón que tamén destacan a importancia da colaboración interdisciplinaria e o apoio á investigación científica. Ao recoñecer e apoiar aos investigadores e desenvolvedores, axudan a acelerar o desenvolvemento de solucións biotecnolóxicas que abordan algúns dos desafíos máis urxentes da poboación. Son unha celebración da creatividade, a dedicación e o enxeño daqueles que traballan incansablemente para mellorar a nosa comprensión da tecnoloxía aplicada á saúde", explica o investigador principal.

OUTROS PREMIOS E PROXECTOS INTERNACIONAIS

Cabe lembrar que hai dous meses que o proxecto ACE acadou o segundo premio no Congreso Iberoamericano de Feridas Sobenfee 2024, celebrado a finais de novembro na cidade Salvador de Bahía en Brasil.

Así mesmo, dende o mes de maio de 2024, e cunha duración de tres anos, a Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés coordina un proxecto de investigación a nivel europeo chamado Icarewounds, no que se integra á súa vez o proxecto ACE. Trátase dun estudio clínico "multicéntrico" que se leva cabo en hospitais de tres países (España, Irlanda e Polonia), co que se pretende validar ese modelo informático co obxectivo final de que esa aplicación poida ser unha ferramenta implantada nos sistemas sanitarios reais.