Prendida a mecha do Entroido pontevedrés con Os das Pistas pedindo unha tregua á chuvia

Pontevedra
13 de febreiro 2026

O Rei Urco chegou á praza da Ferrería, na que se atopaba un gran barco pirata, para abrir as festas, coas palabras do alcalde convidando a gozar de toda a semana e o pregón do grupo "Os das Pistas"

Os das Pistas sendo pregoeiros do Entroido 2026 en Pontevedra

A cidade de Pontevedra inaugurou oficialmente este venres o seu Entroido 2026. Malia as condicións meteorolóxicas adversas, o Concello mantivo o calendario previsto para a xornada inicial, que incluíu a recepción ao Rei Urco, o saúdo do alcalde e o pregón inaugural na Praza da Ferraría ás 21:00 horas.

A presentadora María Carrera fixo de mestra de cerimonias durante o evento nunha praza que contaba cun barco pirata no centro e a comparsa Os Miúdos animando ao pouco público que se deu cita ante a incerteza da presenza da chuvia.

O rei Urco subía ao palco ante a chamada da presentadora ao berro de "por el fágome monárquica" mentres se proxectaba unha imaxe do Loro Ravachol co sombreiro de Castelao nas paredes do convento de San Francisco.. 

A continuación, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, tamén subían ao palco para entregarlle o estandarte ao Rei Urco.

Lores anunciou que "queda prohibido non pasalo ben. Desfrutade que xa virán tempos peores" e agardando que a chuvia permita unha semana de celebracións festivas.

A agrupación ‘Os das Pistas’ foi a encargada de dar lectura ao pregón, no momento en que comezou a chover e o público abría os paraugas.

Relataron a súa traxectoria durante tres décadas no Entroido local coas súas intervencións nas diferentes actividades e as súas recreacións como a da praia fluvial do Lérez, da voda real e da duquesa de Alba, de curas e monxas, festas gastronómicas ou o baile do Casino.

"Que máis se pode pedir? Que non chova mañá. E aquí seguimos disfrutando do mellor Entroido deste país. Viva o Entroido, viva Pontevedra e que vivan, como non, Os das Pistas", concluíron para cantar "Non estamos mortos, estamos de parranda".

Tras este acto inicial, a organización confirmou que non está prevista a suspensión de ningunha das actividades programadas para as vindeiras xornadas.

Para este sábado 14, o Desfile partirá ás 17:00 horas para percorrer o centro da cidade, manténdose a entrega de premios para as 20:00 horas ante a previsión de melloría do tempo.

A programación do Entroido pontevedrés continuará o luns 16 coa presentación do loro Ravachol e o inicio do certame de Murgas.

Un dos puntos centrais da semana será o martes 17 coa celebración da Festa Pirata, que culminará co concerto de King África na Ferraría.

O calendario festivo completarase coa final de Murgas o xoves, a Mostra da Parodia o venres 20 e o Enterro de Ravachol o sábado 21.

O peche definitivo da edición correrá a cargo da Sociedade Antropolóxica Galega durante a fin de semana. O programa completo con todos os horarios e localizacións está xa dispoñible para consulta na web do Concello e nos puntos de repartición física habituais.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en