A 'Pontevedrada' converteuse nunha cita anual coa solidariedade a través dunha marcha nocturna e ininterrompida a pé dende Pontevedra ata Santiago de Compostela co obxectivo de concienciar a poboación da grande importancia que ten a doazón de sangue, órganos e tecidos.
Este ano, a camiñada está prevista para o 26 de abril a partir das 20.00 horas. Os participantes partirán dende a Praza da Ferrería e percorrerán aproximadamente 63 quilómetros a través do Camiño de Santiago Portugués.
A marcha xurdiu hai catro anos entre un grupo de doadores, que se inspiraron na actividade similar que se desenvolve dende 1976 en La Rioja baixo o nome de 'Valvanerada'. E a actividade baséase no espírito de superación a través do deporte e da aventura.
A inscrición, que é gratuíta, pode realizarse xa a través deste correo electrónico: pontevedrada@gmail.com