Presentación de José Sanmartín como candidato socialista á alcaldía de Barro

Barro
17 de decembro 2022

O PSOE presentou de maneira oficial a candidatura de José Sanmartín nun acti público celebrado a última hora do venres con presenza de varios cargos da agrupación como a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o secretario xeral provinicial, David Regades, ou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba

Acto de presentación de José Sanmartín como candidato do PSOE en Barro
Acto de presentación de José Sanmartín como candidato do PSOE en Barro / PSdeG-PSOE

O Partido Socialista presentou este venres de maneira oficial ao seu candidato ás próximas eleccións municipais de 2023 en Barro, José Sanmartín, nun acto público que contou coa presenza entre outros da presidenta da Deputación, Carmela Silva; o secretario xeral provinicial, David Regades; e a subdelegada do Goberno, Maica Larriba.

O secretario xeral dos socialistas de Barro fora proclamado o pasado mes de outubro como candidato pola executiva local, pero con este acto dá por iniciada a carreira cara ás urnas.

"O Concello de Barro tivo un Goberno bipartito no que estaba o PSdeG e funcionou ben; agora ten un Goberno con maioría do BNG, que funciona peor. A xente deuse conta. Agora queremos convencela de que toca un alcalde do PSdeG-PSOE", afirmou durante a súa intervención.

Entre os seus compromisos, sinalaron, atópase o obxectivo de reforzar a educación, a cultura ou o benestar social, citando neste aspecto a necesidade dun centro de día e de ampliación do Servizo de Axuda no Hogar (SAF). Ademais cualificou de "innegociable" a depuradora do Carballal.

Sanmartín recibiu palabras de apoio dos cargos do seu partido presentes como a presidenta provincial, Carmela Silva, que afirmou que "non hai veciño máis capacitado, máis amable e máis implicado para impulsar o cambio en Barro".

Pola súa banda David Regades defendeu que o candidato socialista en Barro "é un home que ten ou don de atopar solucións simples para problemas complexos", destacando que "na pandemia argallou mil cousas para axudar, axudar e axudar á xente".