A Casa da Luz, en Pontevedra, acolleu este sábado a presentación en sociedade da Asociación Feminista 'Comando Mazá'.
Trátase dun colectivo, aseguraron as súas responsables, "que nace das inquedanzas dun grupo de mulleres feministas e nacionalistas galegas con base en Pontevedra". Así o expresaron como portavoces da entidade Luisa Márquez, Ana Seoane e Ana Cabaleiro.
Márquez reivindicou o "feminismo pensado desde aquí", sinalando como un dos obxectivos a divulgación da problemática xerada pola desigualdade de xénero en Galicia.
Debates, clubs de lectura, elaboración de bibliografías con temática feminista ou xornadas de formación son algunhas das actividades habituais que ofrecerán, sinalaron desde a asociación.
Comando Mazá, que se estreou ademais cunha intervención na rúa Michelena con proxeccións de frases sobre o chan, aproveitou a súa presentación para dar a coñecer o seu manifesto e imaxe, baseados na reinterpretación da mitoloxía bíblica do pecado orixinal.
A recentemente creada asociación feminista anunciou por último unha convocatoria de concentración para o vindeiro luns, 25 N, ás 20:00 horas na Praza da Peregrina, para posteriormente sumarse á mobilización convocada polo colectivo O Quilombo no mesmo lugar ás 20:30 horas.