Presentan un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional polo conflito da 'paga extra'

Pontevedra
30 de setembro 2014

García Legísima, que compareceu en rolda de prensa, afirmou que o recurso se presentou o pasado 12 de setembro. Foi a instancias da asesoría xurídica municipal, que considerou que era a mellor fórmula para defender os intereses dos funcionarios e conseguir a suspensión da execución da sentenza do TSXG, polo menos mentres non haxa fallo do Constitucional

Vicente García Legísima, concelleiro de Patrimonio e Persoal PontevedraViva

O asunto da paga de produtividade aos funcionarios municipais chega ata o Tribunal Constitucional. O concelleiro de Personal, Vicente García Legísima, confirmou este martes que o Concello de Pontevedra presentou un recurso de amparo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que obriga os traballadores a devolver o diñeiro cobrado como compensación pola retirada da paga extra de Nadal en 2012.

García Legísima, que compareceu en rolda de prensa, afirmou que o recurso se presentou o pasado 12 de setembro. Foi a instancias da asesoría xurídica municipal, que considerou que era a mellor fórmula para defender os intereses dos funcionarios e conseguir a suspensión da execución da sentenza, polo menos mentres non haxa fallo do Constitucional.

O goberno municipal basea o seu recurso na convicción de que se vulnerou o dereito á liberdade de expresión do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, por canto un dos fundamentos xurídicos da sentenza do TSXG fai referencia ás súas declaracións sobre este asunto. O tribunal considéraas "proba plena" en contra dos intereses do Concello e dos seus funcionarios.

O informe da asesoría xurídica, segundo o edil de Personal, conclúe que as devanditas declaracións "forman parte do debate político" e que non deben ser incorporadas ao litixio. Ao ser un contencioso administrativo, dixo Vicente García Legísima, só hai que xulgar se os actos administrativos relativos ao pagamento deste complemento de produtividade "cumpre os requisitos esixidos legalmente", deixando de lado "opinións persoais".