Preto de 200.000 euros permiten renovar os dous pavillóns municipais de Moraña

Umia
05 de decembro 2023

As obras consistiron na renovación das cubertas e a mellora da eficiencia enerxética dos dous recintos deportivos. O alcalde Sito Gómez e a tenente de alcalde Luisa Piñeiro visitaron as instalacións

Obras realizadas no pavillón de Santa Lucía en Moraña Concello de Moraña

As obras de mellora de eficiencia enerxética nos dous pavillóns municipais de Moraña finalizaron, despois dunha renovación das cubertas cun investimento próximo aos 200.000 euros, segundo informa o goberno local.

Sito Gómez, alcalde de Moraña, visitaba as instalacións coa tenente de alcalde, Luisa Piñeiro. Percorrían a actuación no polideportivo municipal, anexo ao circuíto pump-track e ambos mostraban a súa satisfacción polos traballos acometidos.

No polideportivo, cun investimento próximo aos 50.000 euros, cambiouse o teito no soportal de acceso e nun dos laterais do recinto para evitar filtracións e humidades. A obra, segundo indicaron, permite mellorar a sensación térmica no interior deste espazo.

No pavillón multiusos de Santa Lucía, situado no interior do colexio público, renovouse a cuberta e a súa envolvente exterior de forma integra. O investimento ascende a case 150.000 euros, financiado por unha partida do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia.

Esta mellora evita reverberacións de son e os problemas de frío no inverno e de altas temperaturas durante os meses de verán.

Foi necesario instalar outra cuberta de última xeración. Segundo o goberno local, agora realizaranse labores de limpeza e acometeranse pequenos axustes no sistema eléctrico para que toda a obra estea plenamente dispoñible.