Preto de 500 fogares pontevedreses con menores viven nun ambiente de violencia de xénero

Pontevedra
02 de novembro 2021

Na provincia de Pontevedra un total de 484 vítimas de violencia de xénero teñen fillos menores ao seu cargo. Segundo os datos do Sistema VioGén, das 1.232 vítimas actuais, 14 son menores de 18 anos e once delas déronse de alta leste mesmo ano. Cinco dos 1.233 agresores son menores

Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra
Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra / PontevedraViva

Na provincia de Pontevedra un total de 484 vítimas de violencia de xénero teñen fillos menores de idade ao seu cargo ou, o que é o mesmo, en preto de medio milleiro de fogares pontevedreses os nenos viven nunha contorna de violencia, que pode ser física, sexual ou emocional e, nalgúns casos, tradúcese en violencia vicaria, aquela que ten como obxectivo danar a unha muller a través das súas fillas e fillos.

A cifra deuna a coñecer este martes a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que presentou en compañía de Manuela Vilaboy Romero, xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, a quinta edición do Concurso Escolar contra a Violencia de Xénero

O concurso, organizado pola Subdelegación do Goberno no marco da programación de actividades do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mujeres, céntrase este ano na violencia vicaria e Maica Larriba quixo lembrar algunhas cifras de impacto que reflicten a entidade e a gravidade deste tipo de violencia de xénero. Así, desde o ano 2013 en España 42 menores foron asasinados polas parellas ou ex parellas das súas nais para facerlles dano, cinco deles este mesmo ano. 

En España, tal e como lembrou a subdelegada, segundo a última Macroencuesta de Violencia contra a Muller, máis de 1,6 millóns de menores viven en fogares nos que a muller sofre violencia de xénero.

Os datos na provincia, extraídos do Sistema VioGén, tamén deixan moitas realidades preocupantes. Así, das 1.232 vítimas de violencia de xénero actuais na provincia, 14 son menores de 18 anos.

Once deses casos déronse de alta neste Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero este mesmo ano. Ademais, 5 dos 1.233 agresores rexistrados no sistema son menores.