PreZero reduce a 11,9 millóns anuais o custo do contrato de residuos e asume a planta de compostaxe na Canicouva

Pontevedra
28 de febreiro 2025

O principal cambio experimentarao o centro histórico, onde se retirarán os colectores das rúas. A planta de compostaxe terá que estar operativa nun prazo máximo de cinco anos

Contedores de lixo Mónica Patxot

O Concello segue dando "pasos adiante e certeiros", como destacou o edil responsable da área de contratación, Raimundo González, para adxudicar o novo contrato para a xestión dos residuos municipais á empresa PreZero, a actual encargada do servizo.

"Se todo transcorre con normalidade", segundo González, a principios de maio poderase asinar o novo contrato. Isto poderá ser así, salvo que se presenten recursos a esta adxudicación, despois de que a mesa de contratación avalase a proposta económica da compañía.

PreZero presentou unha oferta que inclúe unha "rebaixa máis que significativa", destacou o concelleiro do BNG, de até un 7,6% sobre o prezo de licitación, que se situaba nun máximo de 12,8 millóns de euros anuais durante o próximos vinte anos.

Así, a empresa está disposta a reducir os seus emolumentos até os 11,9 millóns anuais, é dicir, preto de 900.000 euros menos, o que fixaría a súa retribución nos 350,34 euros por tonelada de residuos tratados até un límite de 34.000 toneladas cada ano.

Todo o que supere esa cifra, sostivo Raimundo González, suporía unha penalización para PreZero, unha das que inclúe a nova fórmula de xestión do servizo, que en lugar dun canon fixo retribúe á adxudicataria en función dos obxectivos alcanzados.

Raimundo González, edil responsable da área de residuosConcello de Pontevedra

Por iso é polo que eses 11,9 millóns que cobraría cada ano "será un máximo", aclarou o responsable político da área de residuos, se a empresa cumpre os parámetros recollidos nos pregos que regulan a prestación deste servizo.

A proposta presentada pola actual adxudicataria recolle un aumento substancial no número de traballadores, que pasarán como mínimo até os 167; e no material, ao incluír 25 novos camións de recollida e 32 novos vehículos eléctricos para a limpeza viaria.

Este material, do mesmo xeito que 2.732 novos colectores e 400 novas papeleiras, terán que adquirilas ao comezo do contrato, renovando nese momento todo o equipamento actual, e deberá ser renovado cando se cumpran o dez anos de servizo.

A maiores, PreZero ofertou 75.000 euros anuais a maiores -un total de 1,5 millóns de euros nos vinte anos de contrato- para incrementar as rozas previstas ou a instalación dun maior número de papeleiras de todo tipo nas rúas do municipio.

O principal cambio que traerá o novo contrato, que reforzará a recollida de residuos en épocas altas como o verán ou en diversas fraccións da reciclaxe, experimentarao o centro histórico, onde se retirarán todos os colectores actuais das rúas.

Haberá oito "illas emerxentes" neste ámbito urbano, de forma que todos os recipientes para os residuos instalaranse a unha hora determinada e retiraranse ao remate do período fixado para depositar o lixo. Manterase, iso si, a recollida porta a porta de cartón e vidro.

Entre as novidades destaca tamén que se implantará un servizo semanal para a recollida dos restos das podas dos xardíns e, desde logo, a construción da planta de compostaxe que, segundo González, asumirá PreZero nos terreos previstos da Canicouva.

Esta planta, que terá que estar operativa nun prazo máximo de cinco anos, ocupará unha área de 4.000 metros cadrados e nela haberá catro traballadores. A maiores, a empresa prevé crear unha instalación solar fotovoltaica con até 615 paneis.

Tras coñecer os detalles desta oferta, desde o goberno municipal celebran que se demostrou que a visión do Concello sobre como deben xestionarse os residuos que se xeran en Pontevedra "ten percorrido", polo que confían en seguir dando "pasos en firme".