PreZero reordenará os contedores para crear illas de reciclaxe en toda a cidade

Pontevedra
17 de maio 2026

A idea é que en cada punto de recollida exista un contedor de cada fracción de residuos: orgánicos (marrón), papel/cartón (azul), envases lixeiros (amarelo), vidro (verde) e resto (gris)

Illa de contedores en Gutiérrez Mellado

A empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos, PreZero, está a ultimar un estudo que permitirá reordenar os contedores que hai nas rúas.

O obxectivo deste traballo, segundo explican desde o goberno municipal, é que todas as rúas onde sexa posible por espazo poidan contar con illas de reciclaxe.

A idea é que en cada punto de recollida exista un contedor de cada unha das fraccións de residuos: orgánicos (marrón), papel/cartón (azul), envases lixeiros (amarelo), vidro (verde) e resto (gris).

En todo caso, haberá puntos onde actualmente só existe un contedor gris, onde se manterá esta organización, pero engadindo un recipiente marrón para que os cidadáns poidan depositar neles os residuos orgánicos.

Esta reordenación implicará algúns cambios nas localizacións dos contedores, que poderían moverse de sitio para encaixar toda a illa de reciclaxe.

Esta fase na posta en marcha do novo servizo comezará unha vez que PreZero termine de substituír os vellos contedores polos novos.

Actualmente, nestes labores de contenerización das rúas de Pontevedra está a compaxinarse a colocación dos grises (fracción resto) e os marróns (biorresiduos).

O resto de contedores xa están totalmente despregados polo municipio.

Por agora, dos 885 contedores grises de carga lateral previstos, quedan 56 por instalar, mentres que dos 355 contedores marróns proxectados -o triplo dos que había até agora- faltan 153 unidades por colocar.

A previsión é completar este despregamento nas dúas próximas semanas para, a continuación, comezar coa instalación dos contedores de carga traseira, pensados para aquelas rúas que dispoñen de menos espazo.