Profesionais do grao en Belas Artes explican as posibilidades laborais da carreira

Pontevedra
28 de setembro 2022

Este mércores comeza este ciclo de relatorios de profesionais que se dedican ao comisariado artístico, ao cinema, fotografía, xestión cultural ou dirección de museos. Daniel Silvo, artista e comisario, ofrece a primeira conferencia destinada ao alumnado da Facultade de Belas Artes

Facultade de Belas Artes de Pontevedra

Daniel Silvo, artista e comisario responsable da Galería Nueva en Madrid, comeza este mércores ás 17.30 horas o ciclo 'E despois, que?' destinado principalmente ao alumnado da Facultade de Belas Artes. Ao longo das próximas semanas profesionais relacionados co cinema, a fotografía, o comisariado artístico, a xestión cultural ou a dirección de museos, que contan con formación na carreira de Belas Artes expoñerán as súas experiencias nestas charlas.

Nas próximas semanas participarán tamén a comisaria Paula Cabaleiro; a artista Judith Adataberna; Manuel Oliveira, ex director do Centro Galego de Arte Contemporáne; a fotógrafa Maya Kapouski; e a directora de Marketing de Cabo de Penas, Rosario Carballo.

As sesións, segundo informa o DUVI, son abertas ao público e prolongaranse ata o 16 de novembro. Na sesión deste mércores, Daniel Silvo afirmaba que estudou a carreira pensando en ser deseñador e, ao tratarse dun grao moi versátil, descóbrense as propias ferramentas de aprendizaxe. Segundo expón, os artistas resolven situacións dunha forma creativa e por este motivo, en calquera ámbito profesional, unha persoa formada en Belas Artes ofrece unha forma diferente de resolver diferentes cuestións.

O ciclo continuará o 3 de outubro coa intervención da crítica e comisaria Paula Cabaleiro, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e directora de Cultura da Deputación de Pontevedra. Ademais, é integrante do Consello da Cultura Galega e foi comisaria do Espazo de Arte do Culturgal, ademais de actividades como as recollidas no ciclo Abrandares en acción: Violencia cero. Tamén foi directora durante cinco anos do Museo de Arte Contemporánea Florencio de la Fuente, en Conca.

Tamén a próxima semana, o xoves 6, Judith Adataberna, egresada da facultade pontevedresa, explicará aos asistentes o seu traballo como artista visual que traballa no ámbito da fotografía, a videoinstalación e o cinema experimental.