Profesionais xurídicos e empresariais achegaranse á Intelixencia Artificial nun curso da UNED

Pontevedra
06 de novembro 2023

Do 10 ao 20 de novembro, o Centro Asociado da UNED en Pontevedra, situado en Monte Porreiro, analizará o fenómeno da Intelixencia Artificial e as tecnoloxías disruptivas da actualidade para o ámbito Legaltech. O curso poderá seguirse de maneira presencial e online, tanto en directo como en diferido

Sede da UNED en Monte Porreiro UNED Pontevedra

Desde o venres 10 ao luns 20 de novembro, o Centro Asociado da UNED en Pontevedra, situado en Monte Porreiro, analizará o fenómeno da Intelixencia Artificial (IA) e as tecnoloxías disruptivas da actualidade para o ámbito Legaltech a través dun curso que se desenvolverá nas instalacións do centro de maneira presencial e tamén poderá ser seguido en liña, en directo ou en diferido.

O curso, dirixido por Margarita Bachiller Mayoral, profesora titular da Universidade da Escola Técnica Superior de Enxeñería Informática da UNED. Conta coa coordinación de Rafael Cotelo Pazos, responsable de Extensión Universitaria e Actividades Culturais da UNED en Pontevedra.

Os relatores son Mariano Rincón Zamorano, director do Departamento de Intelixencia Artificial, e Sonia Valladares Rodríguez, doutora e enxeñeira de Telecomunicación, Máster Universitario en Enxeñería Telemática e profesora axudante doutora da Universidade de Santiago de Compostela.

Trataranse temas como os Big Data, Machine Learning ou Deep Learning, entre outros conceptos. Tamén se estudará a tecnoloxía Blockchain e Smart contracts. A iso sumaranse aspectos e implicacións éticas relacionadas coas tecnoloxías no ámbito Legaltech e traballos prácticos sobre ChatGPT, modelos de cifrado ou Blockchain.

Entre outras cuestións abordarase como se pode aplicar a Intelixencia Artificial para mellorar a eficacia na prestación dos servizos de asesoramento xurídico, en que consisten os Smart contracts ou cal será o valor engadido das persoas nestas novas contornas máis tecnolóxicos.

O curso diríxese especialmente a estudantes de Ciencias Xurídicas, Ciencias Económicas, Ciencias Empresariais e profesionais do sector xurídico e económico - empresarial. A idea do curso é formar as persoas asistentes sobre o cambio dixital necesario que está previsto que marque o futuro profesional a curto prazo.