"Profundamente preocupados" en Pontevedra pola evolución do incendio da Fracha, que ataca o parque forestal

Pontevedra
06 de agosto 2022
Actualizado: 14:04

A noite foi "tensísima", sobre todo, para os veciños afectados na Canicouva e O Vilar, que pasaron todas as horas da madrugada "preocupados polas súas casas porque podían correr perigo". Patrullas da Policía Local e dos bombeiros estiveron colaborando "dado que temos moito máis coñecemento do terreo e das pistas e dos accesos"

Incendio na Canicouva PontevedraViva

O incendio forestal declarado na tarde do venres no monte da Fracha ten "profundamente preocupados" aos responsables políticos do Concello de Pontevedra, que amosan a súa inquedanza pola situación que están a vivir os veciños das parroquias da Canicouva e Ponte Sampaio, en concreto, no lugar do Vilar, que pasaron a noite sen durmir, "como é normal". 

Así o sinalou este sábado a concelleira de Protección Cidadá de Pontevedra, Eva Vilaverde, que sinalou que durante toda a madrugada tanto a Policía Local como os bombeiros de Pontevedra mantivéronse alerta e colaborando cos veciños tanto na Canicouva como no Vilar para axudalos nos momentos complicados que están a vivir

A noite foi "tensísima", sobre todo, para os veciños afectados na Canicouva e O Vilar, que pasaron todas as horas da madrugada "preocupados polas súas casas porque podían correr perigo" e Eva Vilaverde asegura que desde o Concello estiveron "prestando toda a colaboración que fose necesaria" co operativo de extinción despregado pola Consellería de Medio Rural

Así, varias patrullas da Policía Local e dos bombeiros estiveron colaborando "dado que temos moito máis coñecemento do terreo e das pistas e dos accesos". Estiveron tamén atentos á zona do polígono do Camiño, na outra parte do monte da Fracha, moi próximo á parroquia de Xustáns, en Ponte Caldelas, que foi orixe do lume e está a vivir tamén momentos complicados.

A última estimación oficial da Xunta de Galicia sobre a extensión afectada fala, con datos das 13.30 horas, de 150 hectáreas en Pontevedra e Ponte Caldelas e mantense activa a situación de emerxencia 2 como medida preventiva pola proximidade ao núcleo da Canicouva.

A última hora da mañá deste sábado "aínda segue ardendo moito" e desde o Concello ven "con tristura" que o lume está no parque forestal da Fracha. "Non sabemos como vai quedar", lamentan.

Así, están pendentes dos veciños, da poboación, e agardan que os medios aéreos de extinción que comezaron a traballar durante a mañá -pola noite tiveron que interromper os traballos- "consigan xa controlar o incendio".

De momento "aínda está ardendo moito e non está aínda controlado", deixando un incendio que "xa é importante" e no que Eva Vilaverde ve que "a cruad realidade dos incendios forestais en Galicia é esta que temos, un auténtico polvorín".

Así, Vilaverde sinalou que nestes momentos "loxicamente hai que curar a ferida", pero "non é suficiente, hai que ir á orixe da ferida", que é o dun monte "afectado polo monocultivo de eucalipto e por unha falta de ordenación e de produción absoluta".