A promoción interminable dos adosados de Valdecorvos encara por fin o seu desenlace

Pontevedra
26 de marzo 2026

Unha nova promotora fíxose cargo das obras, que se retomaron o pasado mes de febreiro, coa previsión de que poidan concluír durante este ano

Chalés adosados que Gescomar promovía en Valdecorvos

As once vivendas unifamiliares adosadas de protección autonómica que no seu día promoveu Gescomar no barrio de Valdecorvos afrontan a súa fase final despois de anos marcados por atrasos, incerteza e cambios na titularidade do proxecto.

Unha nova promotora fíxose cargo das obras, que se retomaron o pasado mes de febreiro, coa previsión de que poidan concluír durante este ano.

A iniciativa remóntase a 2018, cando os primeiros compradores asinaron os seus contratos dentro dunha cooperativa impulsada pola empresa Gescomar. O proxecto desenvolvíase sobre solo adquirido previamente á sociedade pública Xestur, nunha zona que entón comezaba a configurarse como área residencial. As obras arrincaron en 2020, en plena pandemia, coa previsión de que as vivendas estivesen listas no verán de 2022.

Nembargantes, o calendario non se cumpriu. Ás dificultades derivadas do contexto sanitario sumáronse problemas económicos e o encarecemento dos materiais de construción, agravado pola guerra en Ucraína. Esta situación elevou o custo estimado de cada vivenda desde os 188.000 euros iniciais até preto dos 200.000, sen que iso se traducira en avances significativos na execución.

O solo foi urbanizado por Xestur dentro do desenvolvemento global de Valdecorvos e vendido posteriormente para vivenda protexida de promoción privada. O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) tratou de mediar cando xurdiron as primeiras dificultades, aínda que sen intervención directa na xestión da promotora nin no financiamento, que correspondía a unha entidade bancaria.

O proxecto quedou finalmente paralizado en 2023. Un ano despois, en 2024, o falecemento repentino do xerente de Gescomar, Pablo Díaz, supuxo un punto de inflexión definitivo para unha promoción que xa acumulaba importantes atrasos. Ante este escenario, a entidade financeira que apoiara a operación impulsou unha poxa notarial dos inmobles, celebrada o pasado mes de xaneiro.

Chalés adosados que Gescomar promovía en Valdecorvos PontevedraViva

O proceso de poxas partiu de cifras ao redor dos 45.000 euros e concluíu coa adxudicación por un valor moi por baixo das estimacións iniciais. Posteriormente, unha construtora con sede en Santiago asumiu a promoción e, tras avaliar o estado das edificacións, decidiu reactivar os traballos.

A incerteza e os atrasos levaron á maioría dos cooperativistas a abandonar o proxecto. Dos once compradores iniciais, unicamente tres continúan vinculados á promoción.

Agora os traballos volveron a activarse e o tres propietarios que permanecen no proxecto confían en que, esta vez si, as vivendas poidan entregarse nos próximos meses, poñendo fin a unha longa etapa de espera iniciada fai xa case oito anos.

Chalés adosados que Gescomar promovía en Valdecorvos PontevedraViva