Propoñen unha UTE de empresas galegas para construír o Gran Montecelo

Pontevedra
06 de febreiro 2021

Unha UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Copasa, Puentes e Ogmios foi proposta este venres pola Mesa de Contratación para a adxudicación do contrato de construción do Gran Montecelo. Esta adxudicación aínda ten que ser ratificada de forma oficial

Proxecto do Gran Montecelo Xunta de Galicia

Unha UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Copasa, Puentes e Ogmios foi proposta este venres pola Mesa de Contratación para a adxudicación do contrato de construción do Gran Montecelo.

Esta adxudicación aínda ten que ser ratificada de forma oficial.

A acta coa proposta foi publicada no portal de contratos públicos da Xunta de Galicia.

Nela pódese comprobar como a oferta da construtora ourensá Copasa, xunto ás coruñesas Puentes e Ogmios está un 6,2% por baixo da licitación inicial da Xunta, que orzara as obras nuns 130 millóns de euros. É dicir ofertou por 121,8 millóns de euros.

Concretamente esta UTE de empresas galegas presentou unha oferta de 100.722.792 euros, cantidade á que haberá que sumar 21,1 millóns de euros polo IVE. 

O prazo de execución ofertado é de 42 meses, isto é, tres anos e medio. A previsión da Xunta é que as obras comecen en xuño e xeren 2.600 postos de traballo.

En total, foron seis as ofertas presentadas. Ademais da UTE gañadora concorreron as propostas presentadas por Dragados-San José-Construcciones Ramírez, a UTE Vías e Construcciones, Prace y Xestión Ambiental de Contratas, FCC (en solitario), Acciona e Veolia e OHL da man con Arias Infraestructuras e Petrolam.

O Gran Montecelo terá 720 camas, 120 máis que as actuais, e haberá un incremento do 92% nos postos de urxencias e do 50% nos do hospital de día. 

 

Arquivado en