Protección Civil de Cerdedo-Cotobade atende 90 servizos no primeiro mes do estado de alarma

Cerdedo Cotobade
16 de abril 2020

O concelleiro responsable desta entidade, Javier Lois Abal, indicou que os quince voluntarios están activos as 24 horas do día con motivo desta situación de emerxencia e están a executar todos estes servizos de atención cidadá en colaboración cos operarios municipais. 

Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade durante o estado de alarma
Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade durante o estado de alarma / Concello de Cerdedo-Cotobade

A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade fai balance do primeiro mes de aplicación do estado de alarma e constata que realizou 90 servizos de atención á cidadanía vencellados á crise sanitaria do coronavirus.

As principais actuacións da agrupación durante o tempo de confinamento foron a entrega de comida, medicamentos e subministros básicos a persoas maiores, familias vulnerables ou con problemas de mobilidade, a atención á terceira idade, a concesión de cheques alimentarios, o transporte de materiais educativos, o reparto de máscaras aos máis de 5.600 veciños e as desinfeccións periódicas dos centros de saúde, establecementos abertos ao público, zonas comúns e a rede de contedores de lixo.

O concelleiro responsable desta entidade, Javier Lois Abal, indicou que os quince voluntarios están activos as 24 horas do día con motivo desta situación de emerxencia e están a executar todos estes servizos de atención cidadá en colaboración cos operarios municipais. 

A atención á cidadanía para axudarlle en cuestións relativas ao estado de alarma acapara case todo o seu tempo, aínda que no último mes tamén tiveron que atender catro accidentes de tráfico.

"Loxicamente estamos plenamente operativos para resolver outras emerxencias e así o estamos facendo para preservar o benestar dos veciños", explicou Lois, que engadiu que a cidadanía conta cunha nova canle comunicativa coa agrupación a través da recentemente creada páxina de Facebook.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, quixo agradecer o "enorme esforzo" que está a facer Protección Civil nestas semanas.