Protección Civil e o Concello de Caldas plantan cara á avespa asiática

Umia
27 de setembro 2016

Durante os seis primeiros meses do ano, os voluntarios realizaron un total de 477 servizos, un 25 por cento máis que no mesmo período de 2015. Entre outras intervencións, interviñeron en 45 accidentes de circulación, 26 incidencias de circulación, 42 avisos relacionados con animais e seis asistencias sanitarias    

José Sieiro e Juan Manuel Rey Protección Civil de Caldas

A agrupación de Protección Civil e o Concello de Caldas de Reis sumáronse como colaboradores ao programa de control da avespa velutina ou asiática. Así o anunciaron este martes o responsable da agrupación de voluntarios, José Sieiro, e o alcalde, Juan Manuel Rey. 

O coordinador do operativo en Caldas será o xefe de Protección Civil e, como tal, recibiu do alcalde os dous traxes de protección entregados pola Axencia Galega de Emerxencias. Tamén lle entregou outros materiais e está previsto que proximamente o equipo se reforce. 

A entrega produciuse o día que deron a coñecer os datos de actividade de Protección Civil durante o primeiro semestre de ano 2016, no que celebran o seu 20 aniversario. Durante os seis primeiros meses do ano, os voluntarios realizaron un total de 477 servizos, un 25 por cento máis que no mesmo período de 2015. Entre outras intervencións, interviñeron en 45 accidentes de circulación, 26 incidencias de circulación, 42 avisos relacionados con animais e seis asistencias sanitarias en colaoración co 061. 

Unha parte importante desa actividade concentrouse nos meses de xaneiro e febreiro, durante os episodios de inundacións e riadas que afectaron o municipio. Os voluntarios realizaron todo tipo de tarefas durante eses días nos que actuaron durante as 24 horas do día en colaboración coa Policía Local, tales como retirar árbores, intervir en desbordamentos e inundacións de baixos e controlar o conxunto do centro urbano, ademais doutros servizos de carácter preventivo e social.

Á hora de facer balance, desde Protección Civil destacan que realizaron unha aposta pola inclusión de sistemas de alerta temperá e que durante os incendios do pasado verán e en casos de accidentes xogou un papel importante a aplicación para móbiles Alertry, na que figuran como entidade verificada. A App permite recibir as alertas que emita Protección Civil de Caldas e outros organismos integrados e o uso que se fai desde a agrupación de voluntarios levoulles a que José Sieiro fose convidado para participar o próximo 15 de novembro á sede de Alertry en Cataluña para participar nun workshop sobre as vantaxes deste sistema.

Juan Manuel Rey anunciou a posta en marcha da Comisión Local de Protección Civil, que celebrará a súa próxima reunión no mes de outubro e centrarase en analizar diversos aspectos extraídos do proxecto europeo CPModel, no que a agrupación de voluntarios participa como entidade colaboradora coa Xunta de Galicia.

Arquivado en