Protesta nos centros de saúde: "Estes problemas de chegar e non ter médico van agravarse"

Pontevedra
18 de novembro 2025

CIG, CSIF, CCOO e UGT chaman á folga na Atención Primaria o 26 de novembro ante o risco de deterioro sanitario pola reforma "imposta e regresiva" que pretende acometer Sanidade

Concentración sindical diante do Centro de Saúde da Parda PontevedraViva

Este martes desenvólvese a primeira xornada de paros diante dos centros de saúde como actos previso á convocatoria de folga prevista para o próximo mércores 26 de novembro, secundada por todos os sindicatos representativos na mesa de negociación: CIG, CSIF, CCOO e UGT.

Representantes sindicais e traballadores concentráronse diante do centro de saúde da Parda reclamando á Consellería de Sanidade que rectifique nos cambios previstos para o sector, que consideran un "retroceso" con serios prexuízos para tanto persoal como pacientes.

Segundo Begoña Mallo, delegada sindical de CIG-Saúde, trátase dunha folga para todo o persoal de Atención Primaria: "Non é só cuestión de médicas ou enfermeiras, tamén afecta a ATS, celadores, dietistas, fisioterapeutas, matronas e traballadoras sociais. Somos un gran equipo e todos estamos convocados".

A indignación xurdiu tras a presentación dun documento "pechado" pola Consellería, que, segundo os sindicatos, desvirtúa o modelo actual de Atención Primaria, virando cara unha atención de urxencia e non preventiva.

 "A Consellería quere instaurar definitivamente a categoría de FEAP (facultativos especialistas de atención primaria), que permite que estes profesionais fagan gardas de urxencia e ocupen prazas de médico de familia, mesturando funcións que antes estaban separadas. Pero isto implica que, ao realizar gardas nocturnas, non poidan atender os seus cupos ao día seguinte, agravando así os problemas de cobertura e continuidade asistencial", sinala Mallo.

Os sindicatos tamén critican a falta de transparencia e a ausencia de propostas concretas por parte da administración.

"Aceptan alegacións, pero non entregan documentos comprometedores nin proxectos reais por escrito. Só piden que desconvoquemos a folga e logo falemos, o que non é aceptable", sinalan.

A folga chegará tras varios días de concentracións nos centros de saúde galegos, con protestas de todo o persoal e accións específicas nos Puntos de Atención Continuada.

"A xente está moi cabreada, este modelo é un retroceso total, e podería destruír o traballo colectivo que garante unha atención integral ao paciente", insiste Begoña Mallo.

Reclámase, ademais, que "a saúde mental teña máis presenza real nos equipos, incluíndo terapeutas ocupacionais e profesionais especializados".

Entre as principais reivindicacións sinaladas no comunicado asinado polos sindicatos figuran:

  • Retirada inmediata do documento de medidas presentado pola Consellería e eliminación da categoría de FEAP; reconversión destas prazas en postos de médico de familia, garantindo a continuidade laboral e a cohesión do modelo asistencial.

  • Negociación dun Plan de Ordenación de Recursos Humanos en prazo máximo de seis meses, con datos desagregados e análises obxectivas das necesidades reais por categoría e centro.

  • Equilibrio nas ratios médico-enfermeira (mínimo 1:1), abordando tamén as cargas das áreas administrativas e incrementando os recursos humanos segundo as necesidades.

  • Actualización retributiva, con complementos adecuados e mellora nas condicións para traballar en zonas illadas ou de difícil cobertura.

  • Dotación e renovación de recursos materiais, coa consolidación do transporte para domicilios e medidas específicas para saúde mental e pediatría.

  • Cumprimento de acordos previos sobre xornada, permisos e retribucións, especialmente no persoal de PAC, e garantía da calidade das contratacións e titulacións.

Os sindicatos insisten na gravidade dos cambios propostos e no risco de fractura do actual modelo de Atención Primaria: "Queremos negociación real e garantías por escrito, non promesas vagas; defendemos que a poboación teña unha atención sanitaria digna, preventiva e integral".

 Begoña Mallo advirte á cidadanía: "Estes problemas que se están vendo, de chegar e non ter médico porque o día anterior estivo de garda, porque está enfermo e non se cobre... Todo iso vaise agravar, todos eses problemas van agravarse. É moi importante ter un seguimento e ter un médico de familia. É unha das figuras máis importantes porque cohesiona a Atención Primaria coa hospitalaria".

A Consellería de Sanidade e os sindicatos manteñen abertas as negociacións.

Persoal sanitario concentrado ante o centro de saúde da PardaPontevedraViva