Centos de persoas rexeitan na Peregrina a política forestal do PP

Pontevedra
22 de agosto 2025
Actualizado: 7:49

Además de ser un acto de protesta, tamén o foi de solidariedade coas persoas afectadas pola vaga de lumes e co persoal do dispositivo contra incendios. Á mesma hora, ardía Santa Cristina de Cobres

Protesta na Peregrina contra a política forestal do PP

Pontevedra foi unha das 29 localidades de toda Galicia que acolleron este xoves mobilizacións convocadas pola plataforma 'Por un monte galego con futuro' para rexeitar a política forestal do PP "que queima os nosos montes e as nosas casas".

Centos de persoas acudiron á convocatoria do sindicato CIG para manifestar o seu rexeitamento, xusto a unha hora na que estaba a arder, a escasos quilómetros, o monte de Santa Cristina de Cobres. 

Además de ser un acto de protesta, tamén o foi de solidariedade coas persoas afectadas pola actual vaga de lumes e co persoal do dispositivo contra incendios.

Os convocantes demandaron solucións inmediatas para recuperar os bens e paliar as consecuencias do desastre medioambiental e urxiron medidas para que este desastre medioambiental non se repita.

A plataforma ‘Por un monte galego con futuro’ está integrada por máis de 50 colectivos, asociacións e organizacións. Naceu en 2018 para promover varias iniciativas lexislativas populares de protección do bosque autóctono e de racionalización da xestión do monte e para amosar a súa oposición ao último Plan Forestal aprobado pola Xunta.

Protesta na Peregrina contra a política forestal do PPMónica Patxot

No acto deste xoves fixo público un manifesto no que denuncia que esta "traxedia ambiental, social, cultural e económica" que están a provocar os lumes ten como causa directa o abandono do rural e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido, "que son as que máis inflúen nas vagas incendiarias".

Neste sentido, e perante o inmediato fin da moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta para o 31 de decembro, consideran necesario reclamar unha moratoria indefinida.

Ao tempo que lembran que o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) "é unha ferramenta inútil", que foi aprobado sen debate nun Consello Forestal da Galiza no que "non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e co medio rural".

Finalmente, inciden en que a verdadeira política de prevención pasa por ter un monte multifuncional e sustentable coa implicación da veciñanza comuneira e das persoas titulares particulares nesta posta en valor.