Na xornada do mércores 13, a CIG promoveu unha folga nos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) de Galicia en sinal de solidariedade coa familia da traballadora asasinada no Porriño e para reclamar medidas que garantan a protección efectiva das profesionais do sector.
Nas Rías Baixas convocáronse concentracións en Cuntis e en Ribadumia.
Segundo fontes sindicais, a folga foi secundada masivamente pese aos servizos mínimos que, a xuízo da CIG, foron decretados de forma abusiva por algúns concellos.
A central critica que a Xunta delegase nos municipios a responsabilidade deses servizos, e acusa á administración autonómica de "desentenderse" das súas funcións en materia de protección laboral.
No manifesto lido ao remate das convocatorias, denunciaron que, transcorridos 16 días do suceso de Porriño, non se adoptaron medidas efectivas: só se recibiron declaracións públicas e "nin unha soa acción", segundo a CIG, que cualificou a resposta da Xunta como "silencio".
As organizadoras reclamaronnolo claridade: "Teresa non precisa de silencio, necesita de clamor. Teresa precisa de que non calemos até que haxa xustiza".
Entre as demandas concretas figuraron a implantación urxente dun protocolo xeral e de obrigado cumprimento fronte ao acoso e ás agresións, así como medidas inmediatas de prevención nas empresas e administracións.
A CIG esixe, entre outros puntos, que a existencia dunha denuncia xustifique a ausencia ao posto; a suspensión cautelar do servizo mentres se activa o protocolo; avaliacións de riscos, incluídos os psicosociais, en todos os domicilios; e un sistema efectivo para comunicar incidencias e trasladalas ás delegadas de prevención.