Proxectan a reforma da contorna da ponte do Burgo coa posibilidade de eliminar a gasolineira

Pontevedra
09 de agosto 2016

O proxecto contempla a peonalización da ponte, que actualmente conta con pouco tráfico rodado, e a creación dunha praza con árbores de ao redor de 4.000 metros cadrados

Proxecto de reforma da contorna da ponte do Burgo Concello de Pontevedra

O goberno local de Pontevedra ten previsto, antes de que finalice este mandato, reformar a contorna da ponte do Burgo. Na mañá deste martes 9 de agosto, o concelleiro Luís Bará presentaba na Comisión de Mobilidade o proxecto basico desta reforma.

Este proxecto ten como principal obxectivo peonalizar a ponte do Burgo, para coidar este espazo do tramo do Camiño Portugués a Santiago no que se marca a saída cara a Compostela. No estudo encargado a unha empresa para que deseñase esta reforma contémplase unha actuación en máis de 6.800 metros cadrados desde a praza Valentín García Escudeiro ata as rúas Domingo Fontán e Juan Manuel Pintos.

O investimento que tería que acometerse ascendería a preto dun millon de euros. Para o financiamento, o Concello presentou este proxecto á solicitude de fondos europeos DUSI e está previsto trasladar a iniciativa á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para que aprobe a intervención.

A actuación contempla a eliminación da rotonda na zona norte da ponte e a creación dunha praza con árbores de ao redor de 4.000 metros cadrados. Melloraríase a iluminación da ponte e arranxaríase a varanda, ademais de modificar o pavimento.

Dentro do proxecto inclúese a desaparición da gasolineira, que está afectada pola Lei de Costas e, segundo o concelleiro Luís Bará, o prazo para manterse neste espazo finalizaría en 2018, se non obtén unha prórroga.