O PSOE denuncia a "estratexia de confusión e manipulación" do goberno de Poio sobre a auga

Poio
02 de agosto 2025

Ángel Moldes afirma que "en agosto vaise demostrar que non hai suba da auga". Os socialistas consideran "absolutamente irresponsable" esta afirmación porque o novo contrato aínda non entrou en vigor

Concelleiros do grupo municipal do PSdeG-PSOE en Poio PSOE de Poio

O novo contrato do servizo de auga de Poio segue a causar polémica política. Nesta ocasión, a través das denuncias do PSOE. 

O grupo municipal do PSOE denuncia publicamente o que considera unha "estratexia deliberada de confusión e manipulación" por parte do alcalde, Ángel Moldes.

Así, botan en cara a Moldes que afirma que "en agosto vaise demostrar que non hai suba da auga", cando o novo contrato do servizo aínda non entrou en vigor e continúa en fase de tramitación.
 
Para os socialistas, é unha afirmación "absolutamente irresponsable", que "toma aos veciños e veciñas por parvos".

"O que se vai cobrar en agosto corresponde ás tarifas vixentes no contrato anterior, non ao novo modelo aprobado polo PP con "subas encubertas", novas cotas fixas e penalizacións a quen non empregue o servizo municipal", sinala o PSOE.

Para os socialistas, Moldes "pretende vender como un logro" o que non é máis que unha evidencia técnica: que mentres non se formalice o contrato novo, non se poden aplicar as novas tarifas

"É un manipulador profesional e un mentireiro patolóxico", sinalan os socialistas, que acusan ao alcalde de "confundir á veciñanza coa única finalidade de tapar a verdade: que o novo sistema supón un incremento claro da factura da auga para a maioría das familias e negocios de Poio".

Así, sinalan que o novo contrato inclúe unha nova cota fixa de 30 euros trimestrais para vivendas con pozo ou traída propia, obras de conexión sen prezos tipo e unha subida "brutal" prevista para despois das eleccións municipais.