O PSOE esixe á Deputación que cumpra e active os tres tramos pendentes da Vía Verde

Pontevedra
03 de decembro 2025
Actualizado: 12:54

O PSOE advirte de que a administración provincial non pode "ignorar por completo" o tramo Portas–Pontevedra, de 15 quilómetros, nin o Arcade-Chapela, de 16.

Iván Puentes en rolda de prensa

O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, presentou este mércores unha iniciativa para impedir que a Vía Verde das Rías Baixas quede a medio camiño. O socialista rexistrou unha moción coa que pretende presionar á Deputación de Pontevedra para que cumpra "a súa promesa" e reactive os tres tramos pendentes desta senda ciclista e peonil chamada a converterse na máis importante do noroeste peninsular.

Puentes celebra o recente desbloqueo do treito Pontevedra-Arcade, un total de 14 quilómetros cedidos polo Ministerio de Transportes, pero advirte de que a administración provincial non pode "ignorar por completo" o tramo Portas–Pontevedra, de 15 quilómetros, nin o Arcade-Chapela, de 16. "Os traballos poden e deben avanzar en paralelo", insistiu.

A iniciativa socialista tamén insta ao Pleno a dirixirse ás alcaldías de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Portas, Caldas de Reis e Barro para asinar un convenio que permita desenvolver a senda continua entre Vilagarcía e Vigo. Un percorrido de case 60 quilómetros que uniría tres vías verdes xa existentes ou en marcha: a do Salnés, a futura Pontevedra-Arcade e a de Vigo-Chapela.

Puentes presentou a moción nunha comparecencia, onde subliñou que a cesión dos terreos entre Pontevedra e Arcade "resolve o maior atranco" para avanzar na cuarta gran vía verde de Galicia.

O portavoz explicou con detalle o estado de maduración de cada treito. En canto ao Portas–Pontevedra, o máis avanzado, conta con proposta de trazado, disposición dos concellos implicados, apoio da Fundación dos Ferrocarrís e terreos dispoñibles, pois a súa maior parte discorre por camiños xa existentes. O Concello de Pontevedra incluso rehabilitou a vella ponte ferroviaria sobre o Lérez. O treito Pontevedra–Arcade está pendente de proxecto e da plena posta a disposición dos terreos; e o de Arcade–Chapela é o máis atrasado e nin sequera ten proposta definida.

Puentes lembrou que esta iniciativa naceu no anterior mandato socialista na Deputación, que executou a Vía Verde do Salnés e empurrou á Xunta a reparar a ponte de Portas.

O enfado do PSOE chega tras a reunión do 18 de novembro entre a Deputación e directivos de Adif en Madrid, centrada unicamente no tramo Pontevedra–Arcade. Para Puentes, esa xuntanza supón "renunciar de facto" ao proxecto integral da Vía Verde das Rías Baixas.

Puentes insiste en que a conexión Pontevedra–Arcade é "unha vella demanda cidadá e un paso imprescindible", pero advirte que, se non se avanza en paralelo nos outros dous treitos, a provincia rematará cunha terceira vía verde illada e non coa gran infraestrutura de mobilidade sostible que se leva anos reclamando.