O grupo municipal socialista de Pontevedra elevará ao pleno da corporación unha proposta para crear unha comisión especial de convivencia cidadá e da verdade que permita abordar os problemas de convivencia que se están a producir na cidade "con datos certos e non coa desinformación e as mentiras que queren espallar Rafa Domínguez e o PP", segundo explicou o portavoz do PSOE, Iván Puentes.
O socialista denunciou a "estratexia da desinformación" na que está somerxido o líder do PP local, quen chegou a afirmar que "Pontevedra é unha cidade na que a un xa se lle acoitela cando pasea polas tardes pola rúa", unha frase que Puentes cualificou de "absolutamente repugnante" e da que cuestionou o dano que causa á imaxe da cidade.
"Que pensará a hostalería? Que pensará o comercio? Que pensarán os propietarios de aloxamentos turísticos? Que pensarán todas aquelas persoas que viven do turismo na nosa cidade cando o líder do PP e aspirante a alcalde di que nesta cidade a un se lle acoitela cando pasea pola tarde?", preguntouse o portavoz socialista.
Puentes criticou a manipulación estatística do PP, que recentemente afirmou que os delitos en Pontevedra incrementáronse case nun 18% desde 2018, "obviando de xeito deliberado o contexto deses datos".
Segundo explicou, ese incremento débese fundamentalmente a delitos de ciberdelincuencia, como estafas relacionadas con criptomoedas e outras fraudes dixitais, "que non teñen nada que ver con agresións físicas na cidade".
O portavoz socialista recoñeceu que existe "un problema nas rúas de Pontevedra, cun incremento importante nos últimos anos de persoas que viven na rúa, que consumen alcohol e drogas na rúa, que teñen disputas entre elas e que increpan a algúns veciños cando acceden aos seus domicilios, en zonas como Augusto García Sánchez, A Ferrería ou Santa Clara".
Subliñou que non se trata dun problema de inseguridade cidadá, senón "un problema de convivencia cidadá ante o que o Concello e as demais institucións públicas teñen que reaccionar e actuar".
A comisión proposta polo PSOE tería como obxectivo chamar a comparecer ás forzas e corpos de seguridade do Estado, á Policía Local, ás asociacións veciñais, a veciños a título particular, á hostalería, ao comercio e ás ONG que traballan no ámbito da atención social para que "poidan dar o seu relato dos feitos, conten as súas experiencias e trasladen as súas propostas".
Puentes diferenciou esta iniciativa da proposta do PP de crear un grupo de traballo, que ao seu xuízo só busca "seguir fomentando esa persecución a determinados colectivos", poñendo o foco "na poboación migrante da nosa cidade e na xente con poucos recursos".
"Cando vinculan servizos sociais a inseguridade, indirectamente o que están a facer é vincular pobreza con inseguridade", denunciou.
O socialista tamén subliñou que, segundo os datos da Subdelegación do Goberno, os delitos penais en Pontevedra reduciuse un 7% nos primeiros catro meses de 2025 respecto ao mesmo período de 2024, e que o número de pelexas nas que intervén a policía é exactamente o mesmo que hai un ano.
MOCIÓN SOBRE O AVE
Por outra banda, o PSOE anunciou que levará ao próximo pleno unha moción para reprobar as palabras da vicepresidenta da Deputación Provincial e presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, quen solicitou ao Goberno de España que se habiliten frecuencias de alta velocidade que "conectasen directamente Vigo con Madrid sen paradas intermedias, por tanto, sen parar na estación de Pontevedra".
A moción tamén insta ao Goberno de España a que nas novas frecuencias de alta velocidade que se habiliten no futuro entre Vigo, Pontevedra e Vilagarcía "se sigan reducindo os tempos de viaxe mediante diversas opcións e fórmulas, como fundamentalmente a maximización e o incremento de uso do bypass de Conxo en Santiago, que une directamente a Pontevedra, Vigo e Vilagarcía con Madrid reducindo en 10-15 minutos os tempos de viaxe".
Puentes criticou que Luis López, presidente da Deputación, e o Partido Popular de Pontevedra leven "unha semana desde que se produciron estas palabras absolutamente calados, sen dicir absolutamente nada" e esixiu que se posicionen "se están con Pontevedra e coas necesidades dos pontevedreses e pontevedresas ou están cos intereses partidistas da vicepresidenta de Vigo".