Que a avespa asiática caia na trampa!

Cerdedo Cotobade
13 de febreiro 2017

A Comunidade de Montes de Rebordelo organiza un obradoiro de construción de trampas contra a avespa asiática. Desenvolverase no salón multiusos da Casa Consistorial de Carballedo entre as 18.00 e as 20.00 horas do sábado 18 de febreiro

Niño de avespa asiática
Niño de avespa asiática / Protección Civil de Caldas

O vindeiro sábado 18 de febreiro en Cerdedo-Cotobade aprenderán a plantarlle cara á avespa velutina ou asiática. A Comunidade de Montes de Rebordelo organiza un obradoiro de construción de trampas contra esta especie que nos últimos tempos se está a estender polo municipio ao igual que no resto de Galicia, causando graves afeccións ao ecosistema natural e ao medio ambiente.

O obradoiro conta coa colaboración do Concello de Cerdedo-Cotobade e de AgUas de Mondariz e desenvolverase no salón multiusos da Casa Consistorial de Carballedo entre as 18.00 e as 20.00 horas.

Todas as persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición chamando ao consistorio a través do teléfono 986 760 001 (estensión 3) ata o venres entre as 9.00 e as 14.00 horas.

Durante o obradoiro, explicaranse as características das avespas velutinas e incidirase en que, na súa actividade habitual, adícanse a destruír as colmeas de abellas autóctonas, que son fundamentais para manter o equilibrio do ecosistema e da natureza. Consideran que é responsabilidade de todos tratar de erradicalas para preservar o medio natural.

Arquivado en