Queixas polo servizo obrigan a un cambio de empresa para organizar o campamento de Nadal de Vilagarcía

O Salnés
13 de novembro 2025
Actualizado: 17:08

O Concello rescinde o contrato con Serviplus polas queixas de familias usuarias do campamento de verán e xa ten lista unha nova concesión para garantir a actividade dos nenos nas festas

Campamento de Nadal Concello de Vilagarcía de Arousa

O Campamento de Nadal en Vilagarcía de Arousa para os máis pequenos está garantido, segundo indica o goberno local, tras decidir rescindir o contrato coa empresa Serviplus pola baixa calidade do servizo prestado no campamento de verán.

A concellería de Xuventude, encabezada por Álvaro Carou, actuou ante as queixas recibidas polo mal funcionamento do campamento de verán e optou por cancelar a prórroga do contrato, a pesar de que en anos anteriores nunca se dera unha situación similar.

A contratación do novo servizo está a punto de pecharse e será aprobada previsiblemente pola Xunta de Goberno local o vindeiro luns, asegurando a continuidade do programa.

O Concello incautará a garantía depositada pola empresa e non haberá indemnización, xa que a rescisión está plenamente xustificada.

O novo campamento celebrarase no CEIP Arealonga os días 22, 23, 24, 26, 29, 30, 31 de decembro e 2 e 5 de xaneiro, cun total de 30 prazas para nenos e nenas nados entre xaneiro de 2018 e decembro de 2021, empadroados en Vilagarcía.

As actividades, de balde, desenvolveranse en horario de 09:00 a 14:00 horas, e inclúen obradoiros artísticos, creativos, xogos guiados e traballo emocional.

O prazo de inscrición estará aberto do 20 ao 28 de novembro, podendo tramitarse na sede electrónica ou de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello.