Queixas veciñais en Lourizán polos asolagamentos na Rúa do Santo

Pontevedra
07 de decembro 2023

Residentes na zona alertan de que con 10 litros por metro cadrado de chuvia nunha hora xa quedan colapsados os sumidoiros provocando que a auga permaneza estancada no acceso ás vivendas

Asolagamento na parroquia de Lourizán / PontevedraViva

Residentes da Rúa do Santo, na parroquia pontevedresa de Lourizán, demandan unha intervención inmediata para evitar que continúe a repetirse unha escena que sofren desde hai anos.

Cada vez que chove con algo de forza a rúa termina converténdose nunha lagoa, coa imposibilidade de acceder ás vivendas.

Sinalan que non é necesario que se produzan choivas torrenciais, segundo os datos que manexan con dez litros por metro cadrado durante unha hora xa se colapsa a rede de sumidoiros, que comeza a emanar auga ao exterior.

Desta forma, a veciñanza queda illada nesta zona xa que os vehículos teñen dificultades para atravesar estes grandes charcos.

Presentaron escritos a Augas de Galicia, que lles derivou ao Concello de Pontevedra. Tamén presentaron queixas no rexistro municipal sen que recibisen resposta.

A situación, segundo denuncian, prodúcese pola falta de mantemento dos sumidoiros que entenden están cheos de barro e maleza.

Ademais, temen que este problema agravarase cando se reforme a antiga estrada entre Pontevedra e Marín coa instalación de redutores de velocidade que provocarán máis estancamento de auga.