RADIO.- A playlist de... Aarón González, "o trono" que promove valores

Pontevedra
12 de maio 2018

O marinense Aarón González, alcúmase " the thunder" sobre o ring. Con ou sen luvas, con ou sen os seus alumnos de Terceiro de Primaria, é un exemplo de loita vital, de espírito de superación, de promoción de valores. Basta escoitar esta  Playlist de  PontevedraViva Radio para que se desmonten moitos tópicos e estereotipos

Aarón González na Playlist de PontevedraViva Radio Mónica Patxot

Como tantos rapaces, Aarón González Diz, estaba enganchado ao fútbol. Con dez anos, esperando o bus escolar con outros compañeiros de clase, en Mogor, Marín, foron atropelados por un turismo. El levou a peor parte. Mentres era trasladado en ambulancia, por aquela cabeza roldou unha pregunta que expuxo aos sanitarios: poderei seguir xogando ao fútbol?.

Os aproximadamente catro anos posteriores pasounos máis dentro de hospitais e quirófanos, que fora. Ata que contra prognósticos e recomendacións empeñouse en poñerse diante dun balón. E fíxoo: co Laberinto de Mogor de fútbol sala.

Con 17 anos, picoulle a curiosidade do boxeo amateur e Antonio, daquela director do seu instituto, - o IES Illa de Tambo- , animoulle a probar. Doce anos acumula coa práctica do boxeo olímpico e acumula tamén títulos de campión.

Estudou Maxisterio e esa é a profesión que exerce cos seus alumnos de Terceiro de Primaria no Colexio Inmaculada de Marín. Tivo tempo ademais para ser empresario, adestrador e promotor de eventos; todo relacionado coa práctica deportiva e o boxeo, repasa en PontevedraViva Radio.

Defende uns valores que inculca aos seus pupilos; sexa no boxeo, sexa en clase. A final de contas, como di Aarón na Playlist: "o  boxeo e a vida están moi relacionados, hai que pelexar para seguir adiante; ás veces estás só e se levas golpes, levántaste". Que llo conten a el...