As Conversas na Ferrería, tras a paréntese de 2020 imposto pola pandemia da covid-19, retoman a edición dedicada ao Festival de Eurovisión. Nesta ocasión incorpórase Joel Cava, xornalista que estes días saíu de Galicia para dar cobertura informativa a este evento a través de eurovision-spain.com e para outros xornais e canles autonómicos.
Desde o Róterdan Ahoy de Países Baixos cóntanos como se está vivindo esta edición, tanto no que incumbe ao propio concurso como na parte de medidas de prevención e control do coronavirus e que levaron finalmente a que Islandia non participase fisicamente na segunda eliminatoria do festival, a pesar de viaxar a Holanda. Un desprazamento que xa non se produciu no caso de Australia.
Daniel Seijo, eurofan, que tamén está a seguir e informando sobre o devir da cita eurovisiva a través da canle de Youtube O Euroté, achega algunhas claves sobre a dicotomía que parece instalarse entre os seguidores do Festival e as propostas participantes. Unha circunstancia que tamén aprecia outra das eurofans que nos acompaña, Paula Suárez e que evidencia nas propias apostas das que deixa contancia como favoritas e como gañadoras neste 2021.
De igual forma, contamos coa análise que fai Antón Prieto da presente edición na que diferencia intervencións moi globalizadas, algunhas propostas específicas e outra parte de cancións elegantes. Para completar, outro xornalista e "mestre" en coñecementos sobre o Festival de Eurovisión, Luís Miguel Alonso que observa unha final moi aberta, máxime cando as apostas están a oscilar constantemente e a diario.
Todos eles avánzannos cales son os seus participantes favoritos, que poden coincidir ou non, con aqueles que se posicionan máis alto nas quinielas previas á final que se celebrará este sábado 22 e entre os que non se atopa España.