RADIO.- Cal é este ano o anuncio 'top' do Nadal nas Conversas na Ferrería?

Pontevedra
11 de decembro 2020

As campañas do Nadal en publicidade demoráronse nesta ocasión condicionadas pola pandemia; pero en PontevedraViva Radio chequeamos un decembro máis cales son os anuncios que máis nos gustaron, e tamén os que menos...

Esther Bailón e Berta Nogueira nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio Mónica Patxot

Estamos saturados de mensaxes sobre coronavirus en publicidade?, Queremos fuxir este Nadal de campañas 'sensiblonas'? Nas Conversas na Ferrería volvemos a chequear as campañas do Nadal que cambiaron en fondo e forma. Contamos nesta ocasión con Esther Bailón, socia de Era Comunicación e con Berta Nogueira, xerente de AB Comunicacións

Tras unha 'criba' inicial doce campañas pasan por este faladoiro. Salvo contadas excepcións como Loterías e Apostas do Estado co Sorteo Extraordinario de Nadal ou Coca Cola a difusión das campañas publicitarias demorouse notablemente en comparación con anos anteriores.

E hai dúas opcións, as marcas que ignoran a pandemia e as que si fan referencia. Suchard, Lidl, ou Ikea ofrecen campañas que optaron pola primeira, do mesmo xeito que Pescanova cos seus Rodolfos, que resulta estar entre as dúas campañas que máis gustaron nestas Conversas na Ferrería. Nun ton máis ou menos emotivo, irónico e alegre si a inclúen Amazon, Navidul, Juguettos, ou Rua Vieja que segue fiel ao "temos que vernos máis".

Campofrío volveu a facer despregamento de rostros coñecidos, con aplausos e críticas en redes sociais; e desde logo cunha campaña atrevida que representa sen andrómenas á morte e apelando a gozar de cada día da vida. E deixamos para o final o anuncio que este ano nesta charla anual de PontevedraViva Radio coincidimos en sinalar como 'top' do Nadal: Mutua Madrileña, que con este 2020 presente utiliza o humor e apela a relativizar o que hai un ano viviamos como problemas.