Realidade virtual e aumentada para redescubrir a Carballeira de Caldas

Umia
10 de abril 2026

Invelon Technologies deseñará tanto o novo centro de visitantes como a experiencia inmersiva ao aire libre

Carballeira de Caldas de Reis Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis vén de confirmar que será a empresa tecnolóxica Invelon Technologies a encargada de deseñar tanto o novo centro de visitantes como a experiencia inmersiva ao aire libre que pretende revolucionar a maneira de achegarse á Carballeira e o Xardín Botánico.

Segundo explicou o tenente de alcalde, Manuel Fariña, esta firma especializada en realidade virtual xa está a traballar nunha proposta que converterá o actual auditorio municipal nun espazo interpretativo "único", pensado para situarse á vangarda do turismo intelixente.

A empresa acadou unha das mellores valoracións técnicas do proceso de contratación, cunha puntuación de 91 sobre 100, e fíxose co proxecto cunha oferta de 378.000 euros, por debaixo do orzamento inicial.

A intervención suporá unha transformación integral das salas expositivas do auditorio, que pasarán a funcionar como porta de entrada ao conxunto da Carballeira e o Xardín Botánico.

Alí desenvolverase unha experiencia interpretativa accesible as 24 horas, apoiada en tecnoloxías inmersivas que permitirán conectar ao público coa historia e os valores naturais de Caldas de Reis dun xeito innovador.

O obxectivo, sinala Fariña, é ofrecer unha vivencia sensorial que mesture pasado e presente, combinando o legado do termalismo do século XIX coa botánica científica e as inquietudes do visitante actual.

Todo isto nun formato automatizado e sen limitacións horarias, pensado tanto para turistas como para persoas peregrinas que chegan á vila en calquera momento do día.

A proposta contempla o uso de realidade aumentada e outras ferramentas dixitais para descubrir detalles ocultos do entorno natural, engadindo novas capas de interpretación ao paseo tradicional.

Un dos puntos máis chamativos estará no Paseo dos Plátanos, onde o chan se converterá nunha superficie dinámica sobre a que se proxectará unha secuencia animada continua, deseñada para sorprender e envolver ao público.

Con esta iniciativa, Caldas de Reis aposta por un modelo de museo aberto, accesible e tecnolóxico, no que a natureza, a historia e a innovación se dan a man para crear unha nova forma de vivir o patrimonio.