Recibidas máis de 20 reclamacións sobre a fibra óptica en Poio desde a apertura do punto de información municipal

Poio
19 de setembro 2021

O servizo está dispoñible para a veciñanza no Concello todos os xoves, de 12.00 a 14.00 horas, onde un técnico municipal se encarga de asesorar e resolver dúbidas, ademais de remitir a Telefónica as reclamacións

Casa consistorial de Poio Concello de Poio

O punto de información habilitado no Concello de Poio, a través da Concellería de Promoción Económica, para asesorar os veciños en cuestións relacionadas coa dotación de fibra óptica, realizou xa máis de 20 xestións desde a súa apertura o pasado mes de xuño.

Este servizo de atención ao público, que realiza un técnico municipal todos os xoves de 12.00 a 14.00 horas, pretende atender ás persoas afectadas por incumprimentos no servizo da internet por parte da empresa Telefónica.

"O que facemos é asesorar e dar información para resolver as dúbidas que poida ter a veciñanza con respecto a este tema, ademais de dar traslado a Telefónica das queixas", explica o concelleiro Gregorio Agís.

O edil destaca que as incidencias que se recibiron proveñen das cinco parroquias, aínda que a maior parte corresponden a veciños de Samieira e San Salvador.

O responsable de Promoción Económica lembra que Telefónica "está obrigada a estender a fibra óptica por todo o termo municipal antes de que finalice o ano, tal e como establece o Plan Sectorial de Despegamento de Banda Ancha".