Reclaman licenza municipal a Ence para que poida acometer o proxecto paisaxístico

Pontevedra
21 de agosto 2017

Segundo a portavoz do goberno, Carme da Silva, Ence alega que non necesita documentación polo plan sectorial. Pero desde o goberno local entenden que isto só é aplicable a obras públicas, non privadas

Fábrica de Ence Mónica Patxot

A dirección de Ence presentou no Concello de Pontevedra o proxecto de integración paisaxística que quere acometer na fábrica de Lourizán. A portavoz do goberno, Carme da Silva, indicou que este luns remitíuselle de oficio á empresa que é necesario que presente o título habilitante. 

A concelleira de Disciplina Urbanística sinalou que a dirección de Ence entende que o proxecto sectorial de supramunicipalidade é suficiente para acometer estas obras.

Pola contra, desde o goberno local consideran que isto non lle dá amparo legal xa que non son obras dunha administración pública, senón dunha entidade privada. Esta decisión baséase na sentenza xudicial ditada no seu día en relación co proxecto de planta de papel tisú no que lle lembra á empresa que ao non ser unha administración pública ten que obter licenza municipal para acometer as obras.

Da Silva indicou que é necesario que tramiten o título habilitante correspondente para poder executar calquera obra do mesmo xeito que fai calquera outra entidade privada. Neste sentido, serán os técnicos municipais os que decidan o título municipal que Ence precisa para afrontar as obras