A recollida de aceite doméstico usado esténdese ao rural

Pontevedra
25 de outubro 2025

O Concello informa que este luns 27 de outubro comezaranse a instalar colectores de recollida de aceite usado doméstico en Lérez e Cerponzóns e continuarase polo resto das parroquias

Funil para promocionar a reciclaxe de aceite

A partir deste luns 27 de outubro a recollida de aceite doméstico usado esténdese ao rural de Pontevedra.

Segundo informa o Concello, dentro do novo contrato de xestión de residuos, vanse a empezar a instalar nesa data colectores de recollida de aceite.

Lérez e Cerponzóns serán os primeiros lugares en contar con este servizo, que ao longo da semana chegará ao resto de parroquias, confirma o goberno local.

Coincidindo coa colocación destes primeiros colectores, na rotonda da igrexa de Lérez (10.00 horas) e no aparcadoiro da igrexa parroquial de Cerponzóns (10.30 horas), entregaranse funís aos veciños para facilitar a reciclaxe. No resto de lugares serán entregados a través das asociacións veciñais.

Explica o Concello que o procedemento para refugar correctamente o aceite doméstico usado é depositar botellas usadas de plástico de 1 ou 2 litros recheas de aceite e pechadas dentro do colector.

A falta de confirmar as localizacións definitivas en Ponte Sampaio e A Canicouva, estes colectores estarán instalados nos seguintes lugares:

  • Lérez: Rotonda da igrexa
  • Cerponzóns: Aparcadoiro igrexa
  • Alba: Aparcadoiro igrexa
  • Campañó: Local social de Cabaleiro
  • Lourizán: Estribela e Praza dos Praceres
  • Tomeza: Aparcadoiro igrexa
  • Marcón: Aparcadoiro Casa da Cultura
  • Salcedo: Contorna do restaurante A de Paco
  • Verducido: Aparcadoiro igrexa
  • Santa María de Xeve: En fronte do aparcadoiro da igrexa
  • Santo André de Xeve: Parque infantil da Bouza
  • Bora: Zona ITV
  • Mourente: Cruzamento de entrada ao Casino Mercantil

Estes colectores complementan aos instalados xa no Mercado de Abastos, cunha xestión de recollida a cargo da cooperativa de traballo social Mulleres Colleiteiras, que asinou un convenio de colaboración coa empresa PreZero, responsable da xestión de residuos en Pontevedra.

"A extensión deste servizo ao rural é fundamental para facilitar a reciclaxe a toda a cidadanía e para fortalecer o noso compromiso social e ambiental, en liña coa campaña 'Responsábeis' recentemente presentada polo Concello e que marca a nosa acción de goberno", explicou respecto diso a concelleira María Xosé Abilleira.