Recoñecemento oficial ao papel dinamizador de Johnny Güimil durante o confinamento

Barro
05 de xuño 2020

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, fíxolle entrega a Johnny dunha placa en agradecemento en nome de toda a veciñanza e destacou que "ser noticia positiva por realizar este tipo de actividades dentro da situación preocupante que nos tocou vivir, sempre é de agradecer" 

Abraldes recibe a Johnny Güimil para trasladarlle o seu agradecemento
Abraldes recibe a Johnny Güimil para trasladarlle o seu agradecemento / Concello de Barro

As sesións musicais que desde a primeira fin de semana de estado de alarma puxo en marcha o veciño de Barro Johnny Güimil Álvarez para animar o confinamento foron, durante varias semanas, cita inescusable para a veciñanza de toda a rúa das Baladas e, agora que remataron e a desescalada avanza, esta labor incansable acaba de recibir un agradecemento oficial. 

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, fíxolle entrega a Johnny dunha placa de agradecemento en nome de toda a veciñanza e destacou que "ser noticia positiva por realizar este tipo de actividades dentro da situación preocupante que nos tocou vivir, sempre é de agradecer".

Abraldes tamén quixo facer extensivo este recoñecemento "ao resto da xente que colaborou para que o confinamento fora moito máis levadío"

O Concello insiste en que os meses de confinamento foron unha das claves para evitar a propagación do virus e iso permitiu que a pandemia tivera moi pouca incidencia en Barro, por iso o alcalde agradece "profundamente" a actitude responsable da inmensa maioría da cidadanía, o papel do sector sanitario que combate a enfermidade de forma directa e tamén de persoas que axudaron a que o confinamento fora máis fácil de levar como Johnny.

Así, agradécenlle todo o seu labor de dinamización e animación durante o confinamento, que grazas as súas iniciativas e a toda a colaboración da veciñanza da rúa das Baladas fixeron desta rúa un epicentro de animación e actividades durante todos os días que durou o confinamento. 

Johnny puxo en marcha iniciativas musicais, pero tamén contos para os nenos, bingos e ata festas interbalcóns que fixeron que o nome do concello transcendera como unha nota de alegría ata moi lonxe de Barro. Ademais, axudaron a "crear comunidade e unión", un valor fundamental da sociedade que "sen dúbida grazas a Johnny Güimil e a toda a veciñanza" se puxeron en valor durante a corentena máis estrita.