Como un tributo e recoñecemento ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Así se presentou este domingo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o acto institucional celebrado polo Concello de Marín no Museo Torres, tras a decisión adoptada no seu momento por parte do Consello Municipal da Muller.
Unha data para a memoria, o recoñecemento e tamén a reivindicación mirando cara á memoria das mulleres que abriron camiño pero tamén ás que, día a día, seguen a soster a sociedade desde espazos a miúdo invisibilizados.
"Neste 8M queremos facer visible o que sostén a vida, recoñecendo profesións e traxectorias que representan o coidado como un valor social e non como unha obriga silenciosa asignada ás mulleres", explicou a alcaldesa, María Ramallo, condutora do acto.
Referíase a un recurso como o SAF que "constitúe un piar esencial para o benestar diario do noso municipio".
"Grazas ao seu labor, moitas persoas maiores, dependentes ou con necesidades de apoio, poden continuar no seu propio fogar, mantendo a súa autonomía, as súas rutinas e os seus vínculos persoais", destacou a alcaldesa antes de dar paso á lectura da Declaración Institucional do Concello de Marín, a cargo de Ana Santiago Nores, coordinadora das traballadoras do SAF en Marín.
Xunto a ela contaron as súas experiencias en primeira persoa Victoria Carracelas Broullón, María Teresa Edreira García, Saida Omar Laiachi e Lila Paola Anaya Becerra.
No acto institucional proxectouse ademais o vídeo elaborado no marco da campaña do 8M para mostrar o día a día das traballadoras do SAF.