Récord de visitantes á oficina provisional de turismo de Caldas de Reis

Umia
20 de agosto 2024

Os datos proporcionados polo departamento de Turismo indican que en algo máis dunha semana o número de visitas na rúa Real superou ás consultas do pasado mes de xullo no anterior emprazamento da Tafona

Oficina provisional de información turística de Caldas de Reis, situada na rúa Real Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis informa que a nova oficina provisional de información turística, situada na rúa Real, está a pleno rendemento e multiplicou por seis a atención a visitantes nos seus primeiros dez días de funcionamento.

Segundo indica o tenente de alcalde, Manuel Fariña, esta cifra evidencia dous aspectos importantes: que "Caldas está de moda" e que a elección do novo espazo para as instalacións de atención ao turismo "é un acerto", pois é un punto de encontro para a maioría das persoas que visitan a vila termal.

Os datos proporcionados polo departamento de Turismo indican que en algo máis dunha semana o número de visitas na rúa Real superou ás consultas do pasado mes de xullo no anterior emprazamento. "Sabiamos que o cambio provisional da oficina dende a Tafona á rúa Real ía ser moi positivo e as cifras están a avalar a nosa decisión, incluso superan as expectativas ", destaca Fariña.

A análise do perfil dos visitantes que acoden á oficina revela que a maioría son peregrinas, cunha proporción de 70-30 en relación a turistas en xeral. Entre as peregrinas, un 60% son de procedencia estatal e o 40% son internacionais.

En canto á procedencia dos visitantes estatais, a maioría chegan dende Madrid e Andalucía. Tamén con presenza de procedentes de Cataluña, da Comunidade Valenciana e do País Vasco.

En canto ao turismo internacional, a maioría procede de Portugal, Francia e Alemaña.

As solicitudes de información son principalmente sobre a propia vila de Caldas e a súa contorna, manifestando tamén un interese xeral polas Rías Baixas e o Barbanza.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora