Recriminan ao Sergas a falta de previsión para evitar os colapsos en Montecelo

Pontevedra
20 de decembro 2017

A agrupación sindical Prosagap, de nova creación, indica que na noite deste mércores 20 non quedaban camas dispoñibles e cualifican a situación como "caótica". Entenden que para evitar estas situacións de colapso é necesario reforzar a atención primaria

Concentración de Prosagal en Urxencias do Hospital de Montecelo
Concentración de Prosagal en Urxencias do Hospital de Montecelo / PontevedraViva

Carolina Iñárrea, vicepresidenta temporal do novo sindicato Prosagap, cualificou de "caótica" a situación de colapso que se está vivindo durante as últimas semanas no servizo de Urxencias de Montecelo con pacientes esperando en padiolas nos corredores do centro hospitalario. 

Indican que as malas políticas de xestión sanitaria que está a levar a cabo o Sergas (Servizo Galego de Saúde) está a provocar que os pacientes eviten acudir aos servizos de Atención Primaria para ir directamente a Urxencias.

Sinalan que as listas de espera para os médicos de cabeceira aumentaron e que as citas se prolongan ata en dez días. Por este motivo, os pacientes buscan a solución inmediata a través das urxencias hospitalarias. Denuncian que os médicos e enfermeiras que se atopan de baixa en Primaria non son substituídos.

Por este motivo, desde Prosagap reclaman que se realice unha planificación sanitaria seria con maior investimento en Primaria e tamén nos Puntos de Atención Continuada. Lamentan que, actualmente, desde o Sergas só se invista en plans de continxencia con reforzos de persoal cando o problema de masificación de pacientes xa se xerou.

Carolina Iñárrea reclama unha solución efectiva para o usuario e para o persoal do centro. Profesionais do servizo de Urxencias non só precisan de máis espazo neste departamento senón tamén de máis camas noutros servizos hospitalarios para poder derivar aos pacientes que se atopan á espera dunha cama en pranta.

Carolina Iñárrea tamén lamenta que desde a xunta de persoal do complexo hospitalario se garde silencio sobre esta falta de camas e a masificación de pacientes en Urxencias durante estas últimas semanas.