Reducir a emisión de CO2 en máis dun 40%, obxectivo do Plan de Acción de Sanxenxo cara o 2030

Sanxenxo
11 de novembro 2020

O Concello da vila turística atópase adherido ao Pacto de Alcaldes impulsado desde a Comisión Europea para a loita contra o cambio climático e xa se marcou unha folla de roteiro para seguir o compromiso adquirido en 2019 co Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía seguindo a liña marcada pola Unión Europea

Parque en Sanxenxo Concello de Sanxenxo

En 2019 o Concello de Sanxenxo adquiría o compromiso co Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía para adherirse á proposta de cumprir os obxectivos marcados pola Unión Europea. Desta forma, sumábase a 227 outros municipios de Galicia que xa se atopan integrados neste pacto medio ambiental.

Agora, a vila turística conta cun Plan de Acción para a Enerxía Sostible e o Clima que ten como finalidade reducir as emisións de CO2 en máis dun 40% de fronte ao ano 2030. Isto supón un proceso de varias fases coa elaboración inicial dun inventario que recolla as emisións de referencia e as medidas que se deben adoptar para controlar o sector residencial, o transporte público e privado, os residuos sólidos que se xeran e a avaliación dos riscos climáticos.

O plan recolle a certificación enerxética de todos os edificios de titularidade municipal; o desenvolvemento dun Plan de Mobilidade; promocionar a compra verde de material para o uso municipal; ademais da mellora térmica dos edificios pertencentes ao Concello co uso de calor renovable e o desenvolvemento de campañas cidadás para que se realice un uso responsable da auga, tratamento de residuos e de enerxía.

A segunda fase do plan consistirá na posta en marcha dun rexistro que marque as emisións de referencia en diferentes sectores crave dentro do Concello: municipal, terciario, residencial e transporte.

Unha vez analizados os datos decidirase as medidas que se deben adoptar para reducir as emisións e executarase unha avaliación de riscos e vulnerabilidade do cambio climático en Sanxenxo como situacións de calor ou frío extremo, secas, incendios, forestais, desprendementos, tormentas ou inundacións.

O documento que se elabore deberá actualizarse cada dous anos para axustarse á liña que marque a Unión Europea. O Plan de Acción deberá ser aprobado no pleno para despois ser presentado ante a plataforma do Pacto de Alcaldías.