Reflexións desde Pontevedra para a Unión Europea

Pontevedra
19 de setembro 2017

Ciencias Sociais e da Comunicación acolle o II Congreso de Estudos Internacionais de Galicia. Preto de 20 especialistas afondan na necesidade dun novo relato para a Unión Europea. Na conferencia inaugural, Camilo Nogueira defendeu a UE como un "fito democrático revolucionario"

Congreso de Estudios Internacionales de Galicia Universidade de Vigo

O campus de Pontevedra acolleu este luns a segunda edición do Congreso de Estudos Internacionais de Galicia co propósito de analizar, desde Galicia, o futuro dunha unión "que está atravesando uns momentos de crise, sobre todo arredor do Brexit, pero tamén da rexeneración que busca o eixo franco-alemán", como apunta o director do Igadi, Daniel González Palau.

O congreso arrancou cunha apelación á importancia de construír un "novo relato" para o proceso de integración europea, que permita que a cidadanía "crea realmente na súa importancia", como salientou o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo.

A conferencia inaugural deste Congreso de Estudos Internacionais de Galicia correu a cargo do político e economista Camilo Nogueira, eurodeputado polo BNG entre os anos 1999 e 2004, quen reivindicou a UE como "a primeira economía mundial, por riba dos Estados Unidos e de China".

Ao tempo, apuntou tamén algunhas "cuestións cruciais" por resolver, como "a dependencia dos EEUU, froito da política de alianzas", a política exterior en materia de seguridade, a loita contra a pobreza ou a defensa do medio ambiente.

Camilo Nogueira defendeu tamén que "os tratados da Unión Europea non impiden o recoñecemento das diversas nacións, nin das derivadas de procesos de autodeterminación". Varios dos estados que integran actualmente a unión "teñen esa orixe", lembrou Nogueira nunha conferencia na que subliñou que, no contexto comunitario, "ninguén impide que Galicia estea representada como nación".