A renaturalización dos Gafos afronta a fase máis delicada

Pontevedra
09 de xuño 2026

Os traballos céntranse actualmente na retirada das antigas tubaxes que discorren polo propio cauce do río

Obras de renaturalización do río Gafos

A obra de renaturalización do río dos Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo entra estes días nunha das súas etapas máis complexas. Así o explicou este martes o concelleiro de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos, César Mosquera, quen asegurou que o proxecto se atopa "posiblemente no momento máis delicado de todo o proceso".

Os traballos céntranse actualmente na retirada das antigas tubaxes que discorren polo propio cauce do río, unha actuación necesaria para poder trasladar os servizos de saneamento ás novas conducións instaladas fóra do leito fluvial. 

Obras de renaturalización do río Gafos    Antía Quinteiro García

Segundo indicou Mosquera, a principal dificultade técnica reside na escasa pendente que permiten as novas canalizacións.

O desnivel máximo acadado é do 0,5 %, unha cifra que, aínda que se considera suficiente para grandes colectores de saneamento, require unha execución extremadamente precisa.

Esta pendente mínima debe garantir que as augas residuais circulen coa velocidade adecuada para arrastrar os sólidos e evitar a formación de atascos ou obstrucións no futuro.

O edil lembrou que Pontevedra xa viviu experiencias similares noutras actuacións urbanas. Como exemplo, citou os problemas rexistrados na rúa Cruz Gallástegui, onde unha situación semellante obrigou a realizar correccións posteriores. "Son destes traballos que non se ven", comentou, "pero teñen unha importancia fundamental porque, se non se resolven ben, poden ocasionar un auténtico zapatostio".

Obras de renaturalización do río Gafos    Antía Quinteiro García

Mosquera destacou que os técnicos e operarios da empresa adxudicataria, a UTE formada por Covsa máis E.C. Casas, están a revisar con detalle cada aspecto da instalación. "Transmítenme que están afinando todo iso para que non falle nin un milímetro. Non é fácil", afirmou, insistindo en que se trata dun aspecto "moi serio" dentro do conxunto da obra.

A actuación é especialmente visible nestes momentos nas inmediacións da Escola Infantil da Xunta en Campolongo, onde pode observarse a escavación aberta para a colocación das novas tubaxes de saneamento, que discorren paralelas ao curso fluvial.

Unha vez completada esta fase, o proxecto poderá avanzar cara ao seu obxectivo principal de recuperar o espazo natural do río dos Gafos e mellorar a súa integración urbana, eliminando infraestruturas que durante décadas permaneceron ocultas baixo o seu leito.

Obras de renaturalización do río Gafos    Antía Quinteiro García

A previsión municipal mantense sen cambios e apunta a que o conxunto das obras de renaturalización estarán rematadas en maio de 2027.