Renovado o apoio do Concello ao comercio local con Estrela de Marín

Marín
29 de outubro 2025

A asociación de comerciantes recibirá unha subvención de 4.000 euros. Ao mesmo tempo, o Concello activa a segunda fase de mellora da estrada de Pastoriza

Sinatura da subvencion nominativa do Concello a Estrela de Marin

O Concello de Marín vén de renovar o convenio anual coa asociación Estrela de Marín, mantendo a subvención nominativa de 4.000 euros destinada a fortalecer as campañas de dinamización comercial do colectivo.

A concelleira de Comercio, Cristina Acuña, e a presidenta da asociación, Catalina Conde, revisaron o convenio, concretando os gastos subvencionables e os prazos para a xustificación das axudas.

O goberno local destaca o labor que Estrela de Marín está a desenvolver no ámbito autonómico, como exemplificou a campaña Escaparate Estrela.

Con este apoio, o goberno de María Ramallo pretende impulsar as compras no comercio de proximidade, especialmente na campaña de Nadal que está por comezar.

ESTRADA DE PASTORIZA

En materia de infraestruturas, o Concello abriu o proceso de licitación para a segunda fase da mellora da estrada de acceso a Pastoriza, coa presentación de ofertas aberta ata o 6 de novembro.

O proxecto conta cun investimento de máis de 45.680 euros, financiado con cargo ao Plan Camiña Rural 2025-2026 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Acceso á Pastoriza en MarínConcello de Marín

A actuación contempla a rehabilitación do firme, ampliación da calzada ata 6 metros en curvas e mellora da drenaxe, segundo o goberno local.

Preténdese reforzar a seguridade viaria e garantir o acceso ao núcleo de Pastoriza e á estrada PO-313, punto clave para o desenvolvemento agrícola e residencial da zona.