Renovado o parque infantil da Caeira, o Concello vai a polos de Ánkar e Lourido

Poio
05 de agosto 2025

Forma parte dun plan para renovar, mellorar e crear novos espazos para que os nenos poidan xogar seguros e felices. Xa ten en carteira a creación dunha pista multideporte en Vilariño

O alcalde visitou a reforma do parque infantil da Caeira
O alcalde visitou a reforma do parque infantil da Caeira / Concello de Poio

O Concello de Poio está a actuar nos parques infantís do municipio para que estean nas mellores condicións. Hai unhas semanas terminaron de arranxar a área de xogo de Anafáns e agora acaban de terminar tamén a do parque da Caeira.

Todo isto forma parte dun plan que ten o Concello para renovar, mellorar e crear novos espazos para que os nenos poidan xogar seguros e felices en todo o municipio.

No caso da Caeira, os traballos incluíron arranxar, cambiar e pintar todos os xogos que estaban en mal estado, para que cumpran coas normas de seguridade. Tamén repuxeron listóns, pintaron os bancos de madeira e as mesas de picnic, cambiaron os postos do valado que estaban rotos e colocaron un panel informativo para que todos saiban que hai no parque.

O alcalde, Ángel Moldes, pasou por alí para ver como ían as cousas e destacou o importante que é ter espazos seguros e accesibles para os nenos e as súas familias. "Poio ten unha poboación infantil importante, cada tres meses estamos a repartir entre quince e vinte caixas benvida aos novos nacementos. Por iso, hai que investir e coidar estes espazos", dixo.

Tamén insiste en que "queremos ofrecer zonas de lecer seguras preto de casa, para que a xente poida gozar nunha contorna cómoda e familiar".

Este plan de arranxos e melloras non só chegou á Caeira, senón tamén a outros parques como Anafáns, Combarro, Chancelas e A Seca, onde xa traballaron nos últimos meses.

E aínda hai máis en marcha: xa están en proxecto as remodelacións completas dos parques de Ánkar e Lourido, e tamén van crear unha nova zona multideporte en Vilariño.

O alcalde finaliza dicindo que "sabemos o importante que é ofrecer servizos e infraestruturas que melloren a vida das familias, e queremos converter Poio nun lugar moderno, atractivo e con moitas oportunidades".