Renovan o valado de protección das praias de Major e Areas

Sanxenxo
13 de outubro 2022

Protexer as dunas das súas praias para mellorar o estado de conservación dos seus hábitats. É o obxectivo das dúas actuacións que puxo en marcha o Concello de Sanxenxo en dous dos seus areais máis coñecidos, os de Major e Areas

Dunas da praia de Areas Concello de Sanxenxo

Protexer as dunas das súas praias para mellorar o estado de conservación dos seus hábitats. É o obxectivo das dúas actuacións que puxo en marcha o Concello de Sanxenxo en dous dos seus areais máis coñecidos, os de Major e Areas.

No primeiro deles estes traballos de renovación do valado xa concluíron esta semana.

As obras, que pretendían conservar as dunas grises (hábitat prioritario) e a duna branca (hábitat de interese comunitario), consistiron na retirada do valado actual e na substitución por un novo valado de plástico reciclado de cor marrón con traveseras reforzadas interiormente. 

Ademais da reposición, ampliouse o valado 250 metros lineais para frear a deterioración dunar. 

A actuación tivo un custo de 24.200 euros, dos que case 20.000 foron subvencionados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

Dentro das melloras previstas nos accesos ás praias de Sanxenxo, a próxima semana está prevista a substitución do valado de Areas, ao longo de trescentos metros.

Trátase dun peche en mal estado e que non cumpre a función de barreira requirida.

Os traballos supoñerán a retirada de vexetación invasora. Ademais, instalaranse novos paneis informativos e limparase o sendeiro para mellorar o seu tránsito peonil.

A actuación enmárcase dentro dunha axuda do GALP da Ría de Pontevedra.