Ata catro rúas da contorna da delegación da Xunta en Campolongo quedarán reservadas para as persoas que deban acudir ao 'vacunódromo' habilitado por Sanidade durante o próximos quince días para recibir a terceira dose da vacina.
O Concello decidiu destinar a este fin todos os aparcamentos, tanto libres como de servizos, das rúas Luís Braille, Alfonso X, Taboada Nieto e Iglesias Vilarelle. Entre as 9 e as 14 horas e entre as 16 e as 21 horas, só poderán aparcar nelas os pacientes citados.
Poderán ocupar esas prazas durante un máximo de quince minutos, xa que segundo explicou a edil de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, para esta terceira picada xa non haberá que esperar un cuarto de hora nas instalacións sanitarias tras ser inmunizado.
A reserva deste estacionamento, nun principio, será entre os días 19 e 30 de novembro, os días nos que está previsto inmunizar aos maiores de 70 anos.
En total haberá medio centenar de prazas de aparcamento reservadas, a maiores das dispoñibles para persoas con mobilidade reducida, que manterán o seu uso habitual.
Ademais, pola Rúa Espincelo, a vía peonil pola que se accede ao edificio da Xunta, non poderá entrar ningún vehículo, excepto os servizos de carga e descarga.
Todo este dispositivo estará controlado pola Policía Local e por efectivos de Protección Civil.
Eva Vilaverde fixo un chamamento para que os chamados por Sanidade para vacinarse sexan puntuais e non acudan antes da hora que figura nas súas citas e para que, na medida do posible, o resto de cidadáns eviten circular por esta zona da cidade.