Retan a García Legísima a que rexeite a equiparación salarial ante a asemblea da Policía Local

Pontevedra
29 de setembro 2016

Un grupo de arredor de corenta axentes da Policía Local asistía este xoves 29 ao pleno municipal onde amosaron unha pancarta reclamando unha solución ao conflito salarial que manteñen co grupo de goberno

Protesta da Policía Local no pleno de setembro
Protesta da Policía Local no pleno de setembro / Mónica Patxot

Ao redor de corenta axentes da Policía Local de Pontevedra con camiseta azul e unha pancarta reivindicativa asistían ao pleno municipal deste mes de setembro, do mesmo xeito que veñen realizando durante as últimas sesións da corporación. Na entrada ao Teatro Principal, o concelleiro de Persoal Vicente García Legísima mantivo un encontro cun dos representantes sindicais da Policía, Antonio Millares, indicándolle que o luns se abrirá a mesa de negociación cos funcionarios.

A apertura desta mesa de negociación non convence aos delegados sindicais. Entenden que é preciso resolver antes unha solución ao problema que manteñen coa Policía Local. E rexeitan que o goberno local contrate un estudo para axustar os salarios dos funcionarios xa que entenden que non se terá en conta a situación dos axentes, que reclaman que cobren a mesma cantidade que outros funcionarios do mesmo grupo. "Meterse nun estudo cando non arranxaches un problema sectorial vai a envenenar o resto da negociación", apuntan os representantes sindicais.

"A xente está a cabrearse cada vez máis", indica Antonio Millares. O martes 4, a Policía Local celebrará unha nova asemblea na que estudarán os próximos actos de protesta e as medidas que adoptarán. O delegado de Comisións Obreiras convida o concelleiro de Persoal a que acuda ante os axentes e aclare cal é a súa posición en relación ás reivindicacións policiais. "Queremos que vaia a unha asemblea e que diga que non é xusto. Pero non o di", conclúe Millares.