Retiran nun mes un cento de niños de avespas velutinas en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
14 de agosto 2020
Actualizado: 15 de agosto

Según indican desde o Concello de Ponte Caldelas, nalgúns casos foi necesario desaloxar as vivendas para que a empresa encargada da retirada fumigara o domicilio ao encontrarse os niños en espazos de difícil acceso

Trampa con avespas velutinas
Trampa con avespas velutinas / PontevedraViva

O Concello de Ponte Caldelas  indica que desde que unha empresa especializada comezou en xullo a encargarse do servizo de retirada de niños de avespas velutinas se realizaron case un centenar de actuacións para atender as demandas veciñais #ante a presenza destes insectos.

Segundo sinalan desde o goberno local, as casuísticas das intervencións son variadas. As velutinas chegan a aniñar en lugares moi diversos, tanto ao aire libre como no interior das vivendas. Un dos últimos casos rexístrase nunha vivenda onde a familia ten que abandonar a vivenda durante uns días porque a empresa precisa fumigar o domicilio. As velutinas instalaron o seu niño no interior da cheminea da vivenda e os técnicos sinala que non é posible retiralo.

Noutro caso foi necesaria a intervención dun carpinteiro porque o niño atopábase situado no falso teito da vivenda. Segundo o alcalde Andrés Díaz está a actuarse con rapidez e eficacia con medidas personalizadas para cada unha das situacións.

O Concello de Ponte Caldelas decidiu, segundo indica o alcalde, contratar esta empresa especializada en pragas ante as queixas veciñais polo mal funcionamento do servizo da Xunta. Segundo explica, pesa a que os veciños chamaban ao 012, desde a administración autonómica non se retiraban os niños nin se lles ofrecían solucións.

Aqueles veciños que precisen axuda ante a presenza das avespas velutinas poden contactar co Concello de Ponte Caldelas a través do teléfono 986.750.013 (extensión 2). O custo de cada operación para o Concello de Ponte Caldelas por cada niño retirado ascende a 108,90 euros

RESPOSTA DA XUNTA DE GALICIA

A Xunta de Galicia volveu lamentar as críticas do alcalde de Ponte Caldelas contra o labor da administración autonómica na loita contra a avespa velutina e insiste en lembrarlle que ese Concello non se adheriu ao Plan de Loita contra a Velutina. 

Desde a administración autonómica sinalan que nese programa están incluídos o 90 por cento dos municipios galegos, que si formalizaron a súa inclusión en tempo e forma.

 

Arquivado en