Revolución en Ponte Sampaio: haberá campo de fútbol novo e duplicarase o tamaño da praia

Pontevedra
28 de xullo 2017

Ambiciosa e moi potente. Así describiu o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, a actuación que o Concello desenvolverá en Ponte Sampaio. Supoñerá un investimento aproximado de 2,5 millóns de euros e permitirá crear novos espazos de lecer, duplicando o tamaño actual da praia fluvial e construíndo un novo campo de fútbol

Raimundo González presentando o proyecto para Ponte Sampaio
Raimundo González presentando o proyecto para Ponte Sampaio / Mónica Patxot

Ambiciosa e moi potente. Así describiu o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, a actuación que o Concello desenvolverá en Ponte Sampaio. Supoñerá un investimento aproximado de 2,5 millóns de euros e permitirá crear novos espazos de lecer, duplicando o tamaño actual da praia fluvial e construíndo un novo campo de fútbol.

A recuperación desta ampla franxa do litoral permitirá acondicionar uns 30.000 metros cadrados no ámbito da Xunqueira de Ponte Sampaio, actuando nun espazo natural que, segundo González, é de "gran valor paisaxístico".

A intención desta actuación é duplicar o espazo de praia do río Verdugo, moi utilizada en época estival, ampliar as zonas verdes e as áreas de xogo infantil e mesmo crear unha pérgola deportiva que, ademais de permitir a práctica de fútbol ou baloncesto, sirva para posibles actuacións e concertos. Ademais, ampliarase o aparcadoiro actual.

Para logralo, o primeiro paso é trasladar o actual campo de fútbol e completar a tramitación ante Costas para desafectar estes terreos. Ambos os trámites xa están en marcha.

Con respecto ao campo, o Concello adquiriu por 122.000 euros unha parcela de case 11.000 metros cadrados, xusto enfronte das instalacións deportivas actuais, para construír nela o novo estadio. Xa se está elaborando o proxecto para a construción deste campo, que será de herba sintética e estará financiado pola Deputación de Pontevedra.

O goberno municipal estima o seu custo en 1,1 millóns de euros, prezo no que se inclúe tamén a derriba do campo vello, que manterá o seu uso deportivo ata que se poida utilizar o novo. O Concello prevé que estea listo en setembro de 2018, a tempo para comezar a tempada deportiva do próximo ano.

A segunda fase destes traballos comezará unha vez se gañe o espazo que deixa libre o campo. Incluirá a ampliación da praia, cuxa zona de baño irá case desde a ponte medieval ata o colexio, e a reordenación do resto dos terreos gañados con novas zonas verdes, xogos infantís e equipamentos polivalentes.

Para estes traballos, o Concello estima un investimento aproximado de 1,4 millóns de euros.

"A remodelación e ampliación deste espazo vai a supoñer un cambio substancial para a parroquia ao recuperar terreos que se perderon no seu momento para uso e goce dos veciños e veciñas", destacou o edil do BNG, que detallou que o Concello leva "un tempo" xestionando este proxecto, que non foi anunciado "ata que tivemos todo pechado".