Ningunha das alegacións ao orzamento municipal de 2019 foi aceptada. Así o explicou o edil de Facenda, Raimundo González, ao remate da comisión na que se analizaron as reclamacións presentadas.
As alegacións, remitidas pola ONG Libera, un colectivo de defensa do patrimonio e o sindicato Comisións Obreiras, foron rexeitadas co voto a favor de BNG e PP e a abstención de PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns.
En concreto, as peticións de Libera, que reclamaba máis investimento en protección animal, e do colectivo que solicitaba máis fondos para o coidado dos petróglifos do municipio, non se admitiron ao non axustarse aos motivos que prevé a lei para cambiar contas xa aprobadas.
O mesmo sucede con oito das alegacións presentadas por CC.OO, que entre outras cuestións, solicitaba que o diñeiro das horas extra destinárase a un aumento de persoal, consideraba que a partida para xubilacións anticipadas era insuficiente ou pedía aumentar o crédito para prevención de riscos laborais.
A outra alegación do sindicato, que denunciaba que non existira negociación coa parte social na tramitación do orzamento, foi desestimada ao existir un informe de Persoal que acredita, mediante actas públicas, a existencia dos devanditos contactos.
Así, o pleno do próximo luns 21 de xaneiro, elevará a definitivo o orzamento municipal de 2019. Será, do mesmo xeito que na comisión, co único voto a favor do BNG e a abstención de PSdeG-PSOE e Marea. Tanto o PP como Cidadáns rexeitarán as contas para este ano.
Ademais, a corporación municipal aprobará por unanimidade a nova ordenanza fiscal que se aplicará ás empresas de telefonía que operan na cidade. Con ela, o Concello espera recadar uns 176.000 euros anuais. Antes da súa entrada en vigor haberá un período de trinta días para presentar alegacións.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.